Son nosas as prazas?

As prazas son lugares de encontro, espazos para as nenas e nenos xogaren, recantos nos que acougar no medio dun paseo. As prazas, como os parques, son todo iso nas cidades deseñadas para a veciñanza. Amo as prazas, os pequenos largos de Lisboa, as prazas custodiadas por árbores en Guimarães, as que se converten en mercados de comida como a Contrescarpe, ou os xardíns da praza que ten no centro a Tour Saint-Jacques en París. As prazas de Santiago de Compostela, a miña cidade, unhas obras de arte como o Obradoiro, a Quintana ou Praterías, outras urbanas, como a Praza Roxa, ou a que vexo desde a miña fiestra na que aínda xoga a rapazada. 

Digo aínda porque, cada día máis, as prazas de Compostela e doutras cidades, tamén as rúas, sofren o asalto duns estraños animais de catro patas, talvez extraterrestres –dinlles cadeiras, seica – que ocupan todo o espazo como esas plantas invasoras, a herba da Pampa, a uña de gato ou a Tradescantia que cobren o monte escorrentando as ventureiras. É unha das consecuencias sociais, non sanitarias, da covid-19, e do temor ao contaxio en espazos pechados. Mais o que xurdiu como unha estratexia temporal, autorizando á hostalería a expandirse fóra dos locais, a aumentar o número de mesas no exterior, converteuse nun andazo que ninguén se atreve a deter. Sentar a unha mesa ao aire libre é pracenteiro, mais os espazos das cidades deberían ser compartidos e non entregados a un turismo incontrolado. As xentes que amamos camiñar pola rúa, atravesar as prazas, estamos sendo expulsadas polo que é negocio para uns poucos, máis que interese por coñecer o que de singular teñen as nosas cidades e espazos naturais. Hai regulacións, mais non sempre son respectadas. Talvez a policía municipal debería andar a pé pola cidade, no canto de ir en coche. Mentres a veciñanza temos que protexer as rúas, os espazos das cidades. Tomemos as prazas!

Comentarios