Santiago Matamouros
Balbordo no ceo. Alguén peta nas portas gardadas por Pedro.
—Acódenos Santiago! Vamos cazar mouros!
Non vai, di María Madalena. Liscade, as portas están ben trancadas; el non é racista. Haberá que tirarlle entón o título de Santiago Matamouros, esa honra, di un dos túzaros. O de Santiago Matamouros é unha andrómena, retruca ela, cando o señor Santiago pasou por aquí non había mouro ningún; en Gallaecia e Hispania había galaicos e romanos. Non sabes da misa a media, Madalena, Santiago descendeu do ceo nun cabalo branco para dar a vitoria aos cristiáns na batalla de Clavijo, aí están como proba as pegadas do cabalo, aínda que "non fai falta que haxa probas de nada". Que cabalo nin cabalo, son pegadas de dinosauro, argumenta Madalena, mais eles xa non escoitan.
Todo porque un descerebrado –magrebí, seica– mallou nun veciño en Torre Pacheco, e a vila converteuse nun sumidoiro de odio e xenofobia. A representación de mouras e mouros como "o outro" vén de moi atrás. Fálase da "chegada" dos suevos a Gallaecia ou dos visigodos a Hispania en tanto que a árabe é "invasión". Malia os prexuízos a cultura, o patrimonio, a lingua, tanto española como galega (e portuguesa) debe moito á presenza árabe. Estudos recentes de xenética mostran que galegas e galegos teñen a meirande proporción de xenes norteafricanos da península. Somos mouras.
O estereotipo do mouro como compendio de todas as maldades non é exclusivo de España: o Otelo de Shakespeare é mouro. A muller moura en obras do Século de Ouro é sexualizada, núa, agredida, presa da violación. Arden as rúas de Torre Pacheco, non arderon cando oito empresarios de Murcia violaron e prostituíron nenas e nin pisaron o cárcere, nin as de Huelva cando as traballadoras marroquís denuncian agresións sexuais. O propósito é que veñan recoller a froita en condicións inhumanas, que aturen.
Nós tamén somos mouras, somos mouros.