Nomear o secuestro

Chamar as cousas polo seu nome. Usar a ferramenta da palabra. Secuestro. O perpetrado por Trump en Venezuela é o secuestro de Maduro. Non é unha "detención" nin unha "extracción" nin ningún dos cento e un eufemismos utilizados por unha prensa timorata.

Secuestrar, di o dicionario da RAG, é "apoderarse de algo ou alguén polas armas". Exactamente o ocorrido o 3 de xaneiro. "Detención" é a acción de deter, prender, enténdese que pola policía ou autoridade do país. Non confundir co "terrorismo de Estado" que dixo unha deputada, mostrando escasa formación política, pois non se emprega ilegalmente por un Estado contra a oposición do seu propio país.

Os medios, a prensa, censurándose a si mesmos, contribúen a crear na opinión pública a idea de que secuestrar Maduro –e matar 40 persoas no ataque e antes cen mariñeiros– é unha acción normal, aceptábel. A posición da Unión Europea causa vergonza: Pedro Sánchez foi o único presidente que na tarde do día 3 declarou que España non recoñecerá "unha intervención que viola o dereito internacional"; o día 4 o Goberno uniuse a cinco executivos latinoamericanos, na denuncia da intervención militar dos EEUU e na defensa da soberanía do pobo venezolano sobre os seus recursos.

Un obxectivo de Trump pode ser o control do petróleo, aínda que neste intre sobra no mercado. Porén, para analistas como Xan López, o petróleo é máis a escusa para a motivación ideolóxica: impoñer a doutrina da hexemonía estadounidense en occidente, afirmar a súa zona de influencia onde pode interferir noutros países fóra das leis. E manter a dependencia dos combustíbeis fósiles obstaculizando a transición enerxética.

Para concluír: un, é necesaria a soberanía enerxética; dous, non caiamos na trampa trumpista de chamar os EEUU "América". América é un continente ao que pertencen Brasil, Chile, Colombia, México e Uruguai, que denuncian o secuestro.

Comentarios