Medeas e Bretóns

Os dilemas entre a liberdade de expresión e outros dereitos son complexos. Porén, no caso do libro sobre Bretón, non é posíbel obviar o contexto, o marco social no que o patriarcado impón a súa ollada, as súas representacións, o seu imaxinario. O contexto é o da violencia de xénero e a violencia vicaria, expresión cuñada por Sonia Vaccaro para a exercida sobre os fillos e fillas, decote asasinándoos, para ferir a muller, para producirlle danos psicolóxicos dificilmente reversíbeis. En España está recollido nas leis desde 2015. Igual que na atención aos mullericidios foi crucial a morte de Ana Orantes, o asasinato dos pequenos Ruth e José en 2011 influíu neste recoñecemento.

Non son punitivista, nin partidaria da censura; non lin o libro. Mais o que considero clave é se vai agravar, repetir, os danos producidos a Ruth Ortiz, revitimizala. Do que é público, os fragmentos na entrevista ao autor e os publicados por xornalistas que tiveron acceso a el, parece evidente que non ten en conta o contexto de violencia vicaria. Pregúntase o autor por que o asasino se entusiasma coa idea do libro, e entre as opcións que baralla, desexo de confesar, vaidade, obter beneficios, non considera a que para unha feminista resulta obvia: exercer violencia sobre a muller. Chega con apelar a Medea, con citar a violencia vicaria? Non, se non é capaz de aplicar esa noción ao libro e aos seus efectos sobre a vítima. Na entrevista di que sente compaixón e tenrura por Bretón, talvez iso o leve a identificarse coa súa visión: "Una bomba exterminadora que él había encendido y que solo Ruth podría apagar telefoneándole a tiempo y mostrando al menos una suave ilusión de apaciguamiento". Isto é como atribuír unha violación á minisaia da violada. A compaixón, a empatía con Ruth está ausente. E non falemos de encargarlle á súa nai que compre a roupa para o preso. Moito falta por mudar.

Comentarios