'Tres irmáns', 'Misterios'
Traio do Culturgal dúas xoias de pequenas editoriais: a novela de aventuras Tres irmáns, de Carlos Meixide e a novela gráfica Os misterios de Watterson e Kascht. Colleitei a primeira no posto da editorial Rodolfo e Priscila, definidos na súa web como Editora indecisa. Indecisa será, mais a súa produción revela criterios definidos, verter ao galego clásicos como Bo día tristeza de Françoise Sagan ou A poesía como arte insurxente de Lawrence Ferlinghetti e publicar xente nova. Tres irmáns é editada polo selo do autor Carlos Meixide, precursor de Rodolfo e Priscila. Citando a Agustín Fernández Paz, é unha novela para todos os públicos, incluído o xuvenil, na que as aventuras de tres orfos, irmáns nas emocións e no amor pola lectura, desenvólvense entretecidas coa sorte da Comuna de París, unha experiencia revolucionaria que merece ser lembrada.
Retranca é a editora creada en 2007 por Kiko da Silva, dedicada á banda deseñada (BD), igual que Demo, nacida un ano despois da man de Manel Cráneo. Kiko da Silva é un dos paus de palleiro da BD galega, autor, impulsor da editorial e da escola O garaxe hermético, título que homenaxea a Moebius. Os misterios é unha fábula de Bill Watterson –creador de Calvin e Hobbes– e John Kascht, sobre os medos e andrómenas difundidos desde o poder, elegantemente debuxada en branco e negro e publicada orixinalmente en 2023. A galega é unha belísima edición traducida por Alejandro Tobar editor, xunto con Isabel Soto, en Hugin e Munin, especializada desde 2011 en traducir narrativa. Xunto coa recente Os misterios, Retranca publica o clásico de Raymond Briggs Cando sopra o vento, sobre os riscos de desprezar o ambiente.
Ambos os dous libros teñen en común situarse nas fronteiras, ás veces artificiais e de carácter comercial, entre libros para xente "nova" e "adulta", entre literatura "alta" e " popular", como a BD. O pequeno é fermoso.