Ideoloxía neutra?

A neutralidade ideolóxica é un animal lendario emparentado cos biosbardos. Emprendéronse incontábeis expedicións na súa procura, mais até agora ninguén conseguiu encontrala. Unha caravana penetrou sen éxito nos recantos da televisión galega. Habendo en Galicia centos de escolas, hai quen pensa que enunciar, que digo, decretar a súa existencia en todas e cada unha delas actuará como un poderoso esconxuro traendo a neutralidade ideolóxica do mundo da mitoloxía para o da realidade.

Unha longa experiencia indica que para o pensamento conservador o que ten ideoloxía son unicamente os movementos vencellados ao progreso. Se as mulleres pedimos iguais dereitos, os mesmos salarios e non ser invisíbeis é por unha ideoloxía: o feminismo. Cando hai quen di, en cambio, que as mulleres teñen a obriga de seren boas esposas e nais ou, aínda en certos países, que non poden estudar, é por unha lei natural –ou divina–, non pola

ideoloxía patriarcal.

Neutralidade nas "visitas didácticas ou charlas". Así por exemplo as visitas que o meu compañeiro organizaba nas súas clases de historia con militantes antifranquistas que sufriron represión, como Rafael Pillado ou Xesús Redondo Abuín, e falaban co alumnado da súa vida, serían imposíbeis. Ou a "neutralidade" requiriría a visita dalgún policía implicado na represión. Nesa visión todo parece ser ideoloxía, o ecoloxismo e os seus esforzos por preservar os territorios, as fragas, a gandería ecolóxica, a resgardo da destrución, é ideoloxía. A defensa da lingua é ideoloxía, o cariño e coidado polo patrimonio é tamén ideoloxía. Talvez leran a Gramsci, para quen a ideoloxía se expresa implicitamente na arte, nas actividades económicas e en todas as manifestacións da vida intelectual e colectiva. Si, temos ideoloxías. Os conservadores tamén. O pensamento crítico desenvólvese debaténdoas, facéndoas públicas, non agochándoas.

Comentarios