De Ramón Lamote

Hai corenta anos, en 1984, nacían para a literatura galega, ou quen sabe, talvez acordaban dun soño de seiscentos noventa e seis anos, o señor Ramón Lamote e o seu amigo o Reparante. Cando algún personaxe nace para a literatura é porque un escritor ou escritora andou argallando. O responsábel da existencia de Ramón Lamote, o argallante, foi Paco Martín, escritor lugués, profesor de chairego como Lamote, gardador dun tesouro de sabedoría sobre os contos tradicionais, xornalista e cen cousas máis. Igual que Lamote é de talante repousado e retranqueiro, dúas calidades que non sempre van xuntas. 1984 é o ano en que Das cousas de Ramón Lamote gaña o premio Barco de Vapor; o libro, publicado un ano despois, acada en 1986 o primeiro Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil para a literatura galega –o primeiro premio nacional para a nosa literatura, seguido poucos días despois por o Grifón de Alfredo Conde. Seguiron a lista de honra do IBBY, a dos White Ravens, e outros galardóns.

Ramón Lamote, profesor de chairego e debuxante de soños por encarga, o Reparante, o Entomodelfo e os Marmolubios forman parte das memorias e soños das xentes de Galicia, e iso importa máis que os premios. Adoitamos dicir que estes son personaxes imaxinarios, porén xunto co Señor Merlín, a Galiña azul e outros foráneos como a vaca Mo ou Don Quixote, son xentes que coñecemos mellor que outras das chamadas reais. Acompáñannos e aprendemos delas, de Lamote a non tomar en serio a xente con moita fachenda. Celebremos este aniversario relendo Ramón Lamote, léndoo se hai quen non o fixo. É con certeza  un libro acaído para todas as idades, un agasallo de tenrura e ironía, como todos os saídos da pluma de Paco Martín. Recomendo, sendo exemplos da súa mestría no relato Historias para ler á noite e a subversiva A bisneta lercha. Grazas, Paco Martín, por tanta
fermosa escrita.

Comentarios