Opinión

A xente de ben

Quen é a xente de ben? Quen coida da sanidade? Será o irmán dunha presidenta de comunidade que recibiu 234.000 euros por mediar, no peor momento da Covid, nun contrato de máscaras cunha empresa que cobrou millón e medio de euros por máscaras que custaron medio? Malia o arquivo da investigación en España, a Fiscalía Europea mantén abertas as dilixencias por malversación, fraude e suborno. Será a presidenta que construíu un hospital faraónico no que só hai 86 pacientes, mais que ten un contrato de mantemento de dous millóns ao ano, mentres desmantela a atención primaria?

Quen é a xente de ben? Quen cumpre as leis? O goberno galego que incumpre a lei da radio e televisión pública galega desde hai dez anos, sen levar a cabo a elección do director ou directora no Parlamento? O que desoe as mobilizacións do persoal desde hai case cinco anos? É xente de ben a que muda a lexislación sobre a lingua instaurando o modelo do trilingüismo?

Será xente de ben quen xestiona empresas? O modélico Villar Mir, investigado pola Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) por un presunto roubo de 2.000 clientes, desviados cara á súa empresa Villar Mir Energía? Os traballadores de Ferroantlántica poden dar fe de se é xente de ben ou non. Son xente de ben as compañías enerxéticas que dispararon os seus beneficios mentres hai miles de fogares onde non se pode prender a calefacción?

Quen é, entón, a xente de ben? Quen protexe o ambiente? Será M. Rajoy que prorrogou a presenza de Ence na ría de Pontevedra até 2073? A compañía Atalaya Mining que pretende reabrir a mina de Touro e seguir contaminando o Ulla? Os que crían visóns nas 24 granxas de Galicia sen atender nin ao benestar animal nin aos potenciais riscos de transmisión de doenzas?

Daquela, preferimos as malas mulleres a esta "xente de ben".

Comentarios