Opinión

Mañá o feminismo xa non será necesario

A inclusión da perspectiva feminista atende ao avance do conxunto da humanidade, non se contenta con aliviar a pesada carga de violencia que arrastra un mundo concebido en clave patriarcal, non se resigna con deixar facer ás poderosas economías formuladas en clave de dominación popular nin deberá ser cómplice de fórmulas políticas que troncen  a vida dos pobos que decidan apostar pola inclusión do feminismo  como eixo vertebrador dos seus proxectos de futuro. 

Mañá o feminismo xa non será necesario, senón imprescindíbel. As mulleres feministas non debemos baixar a garda, non estamos dispostas a renunciar, seguimos precisando correccións e mesmo cotas de poder para facer posíbel o noso propio empoderamento. Poder para qué, organizacións e xuntanzas, para que?  Pois para garantir o noso dereito a participar nas estruturas políticas. Estruturas políticas para que?

"As mulleres feministas non debemos baixar a garda, non estamos dispostas a renunciar, seguimos precisando correccións e mesmo cotas de poder para facer posíbel o noso propio empoderamento". 

Para poder seguir implementando a perspectiva feminista en todos as áreas de dominio público e podermos moldear as vidas persoais con dignidade. A estratexia feminista é de longo percorrido, trátase de politizar o mundo, de debater con el, de transformalo nun espazo habitable para tod@s. 

Feminismo para transformar a realidade en  todos aqueles aspectos inxustos que ela ten. Para alén das declaracións que acompañan o 8 de marzo, non se trata dunha simples homenaxe ás mulleres por nacermos mulleres, nin de fabricar discursos meramente formais para un día inesquecíbel que se borrará  denantes do solpor. O 8 de marzo simboliza para as feministas outro novo chanzo na longa traxectoria da loita colectiva das mulleres. 

Feminismo significa compromiso, implicación, loita permanente, de abaixo a arriba e de arriba a abaixo. As mulleres que chegan arriba, que acadan postos de poder, igual que os homes, por suposto, deberán render contas dos proxectos que están a impulsar, deberán  exporse a modificar o rumbo das decisións partidarias se estas decisións prexudicasen  o benestar e a dignidade das mulleres consideradas baixo o prisma do avance feminista. 

"A perspectiva feminista  non aposta por ofrecer as mulleres un colchón cómodo no que poder autocomplacerse co valor catártico das ideas, senón que esixe transformar gradualmente as boas ideas en feitos".

O avance feminista non é só o avance de algo máis do 50% da poboación planetaria, algo que por si só xa sería un grandísimo logro, senón que ten un plus de valor, unha plusvalía igualitaria, niveladora, de signo contrario á plusvalía capitalista. Unha plusvalía positiva e intelixente, froito dunha intervención  atenta aos contextos e crítica con todo tipo de colonizacións. 

A inclusión da perspectiva feminista atende ao avance do conxunto da humanidade, non se contenta con aliviar a pesada carga de violencia que arrastra un mundo concebido en clave patriarcal, non se resigna con deixar facer ás poderosas economías formuladas en clave de dominación popular nin deberá ser cómplice de fórmulas políticas que troncen  a vida dos pobos que decidan apostar pola inclusión do feminismo  como eixo vertebrador dos seus proxectos de futuro. 

A perspectiva feminista  non aposta por ofrecer as mulleres un colchón cómodo no que poder autocomplacerse co valor catártico das ideas, senón que esixe transformar gradualmente as boas ideas en feitos. Gradualmente, porque para pacificar as vidas d@s nad@s precísase dun constante exercicio de mediación, de elaborar  discursos útiles ao fin que se persegue e de proxectar e esixir os recursos que, para poñelos en práctica, se poidan precisar.

"A perspectiva feminista ten vocación de permanencia, non pide un anaco proporcional do mundo, pide mundo, reclama priorizar a xustiza, esixe reciprocidade". 

A perspectiva feminista ten vocación de permanencia, non pide un anaco proporcional do mundo, pide mundo, reclama priorizar a xustiza, esixe reciprocidade. E no caso de Galiza úrxenos a reclamar de vez, con dilixencia e na maior brevidade posíbel, un plan de emprego que poña fin á escandalosa cifra do desemprego das galegas. Para poder vivir, gozar e seguir pulando polo dereito das mulleres a construírmos  o proxecto de liberación do noso pobo, pobo ao que tamén nosoutras  pertencemos e en cuxa construción temos pleno dereito a implicarnos. Dóalle a quen lle tiver  que doer, sabemos que o patriarcado non dorme e que adica todos os seus recursos a fabricar sen fin a reprodución dos nosos pesadelos: quer na publicidade, quer nas ideoloxías misóxinas, quer nas políticas antifeministas e en  todas as formas de intoxicación social  que pretenden impermeabilizar ao patriarcado, resgardalo, sacralízalo e  nutrilo de novos sacrificios femininos. 

Por moitos obstáculos que nos poñan, non poderán exercer  o  pseudodereito de exclusión das mulleres.  Nada nin ninguén poderá afastarnos da firme resolución de implantarmos, por fin, a causa feminista  na transformación política da realidade. 

Comentarios