Sempre en galego
Reivindico hoxe unhas Letras Galegas 2025 en lingua galega, lóxico, non? Semella unha obviedade mais, por desgraza, non o é. Cando en xullo do ano pasado soubemos a decisión da Real Academia Galega de dedicar o Día das Letras Galegas ás cantareiras creo que fomos millentas as que levamos unha alegría, homenaxear a literatura popular e as mulleres que a conservaron, a cantaron e nola transmitiron era unha festa. Creo que todo o tecido asociativo saltamos de xúbilo; a oral, a popular, tamén é literatura e merece ser recoñecida.
Cando no verán o vicepresidente da AC Alexandre Bóveda, Xosé Manuel Sánchez Rei, escribía nun artigo "o forte nivel de hibridación co español con que moitos cantares actuais se dan a coñecer non representan, a noso ver, a literatura popular en lingua galega, por moito que algunhas persoas insistan nunha tóxica enxebridade", podía parecer que estaba poñendo a venda antes da ferida mais é boa verdade que temos un problema, un grave problema. Hai uns días asistín a un concerto onde a maioría das coplas hibridaban co español... e a cantante explicounos que nunha copla decidiran modificar un verso porque esa era unha expresión racista e comentou "a tradición está viva e por iso podemos e debemos modificala cando faga falta". Creo que moitas no patio de butacas pensamos: mais, por que non facemos iso coa lingua?
Lémbrome de miña bisavoa, só falaba galego, cando tiña xa máis de 90 anos, latricaba moito da súa infancia e contaba que ela non nacera en Silleda que era de Mellí. Eu tiña oito anos e sempre pensei que Mellí era un lugar de alí ao lado. Tardei anos en saber que a bisavoa era de Melide. Debo chamarlle Mellí por respecto a miña bisavoa? É esa a lingua popular que debemos respectar?
A historia da lingua galega é unha historia de negación e terxiversación. Sabémolo todas, por que entón obviamos o contexto e decidimos que cantar en español é tradicional? Por respecto á nosa historia e a nós mesmas, fagamos que estas Letras Galegas sexan en galego.