Aviso a navegantes

Cun traslado forzoso expulsan o maxistrado Luís Villares –e a maxistrada Dolores López–  da Sección terceira do Tribunal Superior de Xustiza, a Sección encargada dos procedementos xudiciais sobre parques eólicos. Antes, xa a Xunta e o Partido Popular o sinalaran polas súas sentenzas en contra de permisos ambientais a eólicas e as relacionadas coa privatización do Hospital Álvaro Cunqueiro. Tamén o Tribunal Supremo o acusara de non ser imparcial nos recursos da concesionaria do Cunqueiro. As razóns destes traslados? "Salvagardar a aparencia (sic) e a realidade da imparcialidade coa que funciona esta Sala". Xa sabedes, a carón de aquel o que poida facer que faga está este o que queira aprender que aprenda.

Unha advertencia, para el e para todas, o teu pasado de activismo político moléstanos. Non nos molesta un xuíz que sexa un noxento machista, non hai máis que lembrar o xuíz da Audiencia Nacional Eloy Velasco, que chegou a dicir que a ex ministra de Igualdade daba leccións "desde o seu caixeiro de Mercadona". Fai falta ser clasista e misóxino. Pasoulle algo a este xuíz? Até a Fiscalía entendeu que non podía ser sancionado porque seica non "invocou expresamente a súa condición profesional para avalar eses comentarios". Resumindo, se ti pertences á elite política ou xudicial terás carta branca para dicir e para facer porque sempre vas defender os intereses dos poderosos. Mais cómpre apartar a quen está contaminado –e pode perverter a outros–  porque non obedece a quen debe.

Algúns, desde o berce, pertencen a unha casta que está no mundo para dar ordes e outras estamos aquí para recibilas. Vamos, que se es do galiñeiro non intentes poñerte no patio de butacas. O teu sitio non está alí. E pobre de ti se desde a xudicatura ou a política partidista fas algo que moleste –cabree, importune–  os poderosos. 

É por iso que nesta loita de clases pareceume unha vitoria que Mónica Oltra se presente como candidata á alcaldía de Valencia porque non sempre poden gañar os malos.

Comentarios