O verán dos asasinos

Dende que comezou o verán ata o día 15 de xullo, no Estado español rexistráronse catorce asasinatos por violencia de xénero. Por moitas cifras que dean os medios, seguimos vivindo rodeadas de homes que a negan. Se cadra recoñecen, porque non queda máis remedio, que asasinar mulleres está mal. Que non son comportamentos aceptables e que, se tal, será cousa duns tolos. Teñen problemas en aceptar o concepto, igual que teñen problemas en aceptar a linguaxe inclusiva, as persoas trans e calquera cousa que sexa indicativo de que o mundo existe para alén da súa experiencia.

Estes homes, a pesar de vivir todo o día rodeados doutros, a pesar de ver películas nas que, se aparece unha muller é para avivar a trama masculina (as outras son “de mulleres”), a pesar de estar en grupos virtuais e presenciais onde se avalía as mulleres pola súa fodabilidade, negan que haxa violencia contra as mulleres. Algunhas ovellas negras, pode.

Son estes os homes que discuten sobre cousas das que non saben nada, sexa a menstruación ou a Lei de Violencia de Xénero que nin leron nin entenderon. Son homes que nos rodean porque, mesmo se nosoutras nos rodeamos doutras persoas, os seus altofalantes son infinitos.
Por suposto, as estatísticas, por moito que eles poidan traballar con números ou con máquinas, non lles din nada. Non lles di nada que no Estado español se denunciasen 3.693 violacións dende xaneiro a setembro de 2023 e que polo de agora haxa un aumento destas cifras en 2024. Con eles non vai. E se hai que dicir algo, xa o dirán as mulleres. Se hai que pararlle os pés a algún rapaz xa o fará a muller que cadre (a mai, a parella, a compañeira de traballo ou unha señora que pasa pola rúa).

No canto de todo isto, se eses mesmos homes escoitasen a experiencia allea, se eses mesmos homes aceptasen que o mundo no que vivimos está baseado nunhas estruturas de poder que os poñen a eles no cumio sen que teñan máis criterio de valor que a súa propia masculinidade (esa cota dóelles, claro!), se se animasen a intervir e a pararlles os pés a outros, se se interesasen porque ao seu arredor non se producise ningún tipo de agresións (e non só aquelas que a eles lles parece, senón as que nos parecen a nosoutras), viviriamos nun mundo no que o verán non sería sentencia de morte para tantas mulleres e crianzas. Porque, se non atopas o agresor no teu camiño, compañeiro, o máis probable é que o agresor sexas ti.

Comentarios