Un cinema rosaliano
Nos últimos tempos o cinema en galego, especialmente o feito por mulleres, tennos ofrecido pezas singulares como Nación de Margarita Ledo, marabillas conmovedoras como O Corno de Jaione Camborda e fitos de sensibilidade como As Neves de Sonia Méndez. Todas estas películas tan diversas entre si están atravesadas por unha ollada humana profunda e unha estética que nos reconcilia co noso lugar no mundo semellante á da escrita rosaliana.
Unha nova achega atopámola agora en Antes de Nós, de Ángeles Huerta. A singular ollada desta autora póusase nun suxeito complicado de afrontar, tanto por home como por mito: Afonso Daniel Rodríguez Castelao. Calquera pode entender que o desafío non é menor. Ao remate da película podo afirmar sen facer ningún spoiler que este queda superado con creces. Nesta fita, Huerta achégase a unha figura da que unha gran maioría da cidadanía galega coñece, con algo de sorte, o nome. Algunhas, máis próximas ao seu traballo e á súa obra, podemos intuír un ser humano de gran sensibilidade coa desigualdade, manifesta tanto na súa obra gráfica coma nos seus escritos.
Mais o que moitas veces esquecemos (acontece igual con Rosalía de Castro) é que ningunha persoa singular aparece do nada. Sempre hai un humus que a rodea, unha comunidade que a acompaña. E aí penso que está o gran mérito desta película. Amosarnos a realidade dun lugar rebelde como é e foi Rianxo, cheo de mulleres e homes que acompañan esta historia tan acaída na que Daniel, o fillo de don Mariano, volve a Rianxo para axudar como médico nun momento de extrema necesidade. É esta unha historia de dor, mais tamén de esperanza e de agradecemento. Un retrato dunha persoa, mais sobre todo das persoas que a acompañaron, anónimas algunhas e outras con nome como Virxinia Pereira, da que queda moito por saber. A isto hai que engadirlle un fascinante uso da fotografía inspirada nas estampas de Castelao, unha música conmovedora, unhas actuacións inesquecibles de todo o elenco e, por suposto, un coidado e respectuoso traballo coa lingua.
Velaquí unha nova película que se une ás mencionadas anteriormente para falar sobre todo do presente. Para nos lembrar quen somos ante a adversidade que nunca desaparece e para nos ofrecer inspiración; unha fita para comprender que a singularidade máis grande de Castelao foi o seu entendemento complexo e sensible do pobo que forxou uns ideais polos que aínda moitas traballamos.