(A)nomalías

Nunha mesma semana cadraron o 25 de novembro e o chamado “venres negro”. Dúas datas antagónicas con visibilidades radicalmente opostas. Mentres que o 25 de novembro é o resultado do activismo das nosas compañeiras do Sur, que se esforzaron en lembrar as irmás Mirabal como mostra de resistencia fronte a todas as formas de violencia contra as mulleres, o “venres negro” é un dos maiores logros do imperialismo actual: o dominio polo consumo.

Se ben temos claro de onde provén o 25 de novembro, as súas implicacións para os movementos sociais en todo o mundo, os seus vínculos con traballo tan importante como o recoñecemento da violencia de xénero como crime contra a humanidade, a expulsión da violencia contra as mulleres do espazo “doméstico” cara ao espazo colectivo... A orixe do “venres negro” nos nosos países resulta, simplemente, inexplicable.

Se nos interesase a historia dos Estados Unidos, que debería de ser algo tan aleatorio como que a alguén lle interese a historia de Singapur, veriamos que a orixe do termo parte, seica, do venres anterior a “acción de grazas” (axiña comeremos tamén pavo recheo nesa data?). Comezaba entón a tempada de compras desaforadas para o Nadal e parece que isto levou a chamar “negro” a este venres ben porque era un caos total (sen comentarios) ou porque os comercios saían dos números vermellos e puñan a conta novamente en positivo (en números negros, en inglés).

O vínculo entre as dúas datas pode semellar misteriosa mais, se nos paramos a pensar, o exceso de consumo leva a unha gran cantidade de violencias de xénero que seguen ficando agochadas. Podemos empezar coas condicións laborais, nas que mesmo unha suba do salario mínimo provoca a reacción insufrible de certos sectores sociais que queren vender moito, si, pero sen pagar salarios dignos a quen traballa na venda. Poderiamos falar tamén da exposición á que as mulleres están sometidas nos comercios e nas famosas “cadeas de subministro”: o acoso sexual, a obxectualización, a infravaloración, a explotación de horarios, o traballo en ambientes insalubres... porque si, semellamos esquecer que o noso consumo “de venres” provén de lugares afastados e para os que non nos deita mirar. Todo isto, ironicamente, véndesenos a unha teórica clase media como solución para a insatisfacción xeral: mercamos porque “yo lo valgo” que diría o anuncio... tirando proveito da explotación doutras. Todo do máis (a)nómalo.