Opinión

"¡Viva la lengua gallega!"

Non gosto de repetir temas en artigos consecutivos, mais no de hoxe é inevitábel. O meu inmediato anterior, sobre a jeada ou gheada, provocou unha enxurrada de comentarios, o que me levou a pensar que temos unha alta proporción de eruditos por metro cuadrado que saen á palestra cando se trata algo real. Agradézoos e felicítome por suscitar un debate (ou algo semellante) nun tema, o da lingua, que está semi-durmido ou anestesiado de máis. Ao profesor Henrique Monteagudo faltoulle tempo para replicar, mais non o tivo –non tivo tempo– para declarar autoría e título do artigo que provocaron o seu. Fiel ao seu estilo, omite ambos. Eu si me referirei no que segue ás súas observacións. É realmente rechamante que se cite unha tradición letrada amante do galego (no século XIX) para definir os seus autores como reos de clasismo e de superioridade moral. A erudición despregada é, porén, ben fraca, pois H. Monteagudo debera citar, en primeiro lugar, un adefesio con pretensións que vén sendo a primeira gramática do galego no XIX, a de Mirás, que fai uso sistemático da gheada (gindar, fogete, lanjrán...). Curioso que este autor tan "jeadista" aclare no prólogo da súa pretensa gramática que a escrebeu para aclarar voces galegas que, segundo el, non se entendían, "mientras no llegue un tiempo en que la civilización que allana las mayores dificultades nos haga así como formamos una sola nación, también de un mismo lenguaje". Sen comentarios.

Nen o meu artigo anterior nen este son disquisicións filolóxicas, porque o asunto non é filolóxico, senón sociolóxico ou sociopolítico. A cuestión non é a orixe do fenómeno senón o seu resultado na sincronía actual do galego. A gueada (caga, viague, megor...) ofende o español, por iso foi duramente reprimida e deu lugar á hiperreacción, a gheada, no español
(igualmente reprimida) e no galego. Xa se ve que este, o galego, pode con todo. O español, non, por suposto. Como é que os "jeadistas" actuais, se o fenómeno é tan "galego" e popular non o practican oralmente e por escrito? Que tal se o trasladan á toponimia?: Jalicia, Jontá, Jitiriz, Joente, Juntín, Jimarães? Que bonito! H. Monteagudo pode despregar unha amplísima pedagoxía ao respeito na RAG e no Consello da Cultura Galega, institucións a que pertence. Un pequeno problema virá cando se tratar de corrixir apelidos deturpados como "Feijoo", "Lage", "Lojo", "Teijeiro"... e tantos máis. Por "jotas" que non sexa!

O problema, insisto, non é filolóxico nen estritamente lingüístico, por moito que afecte a lingua. É tan sinxelo e claro como isto: o galego merece e precisa corrección, limpeza, galeguización en suma, ou está ben como está, sumido na súa propria caricatura? Temos expectativas dun futuro mellorado e acorde con sermos donos de nós ou habemos de nos
compracer, masoquistamente, no noso esperpento? "Trazo característico do galego popular"? Que gargallada de risa, que diría Manuel María! Creou o galego popular "jallejo", "jueves", "janar", "jaraje"...?

Afinal, hai hipérboles disfemísticas que tomadas a serio –non é o caso– serían graves: "purismo excesivo, irracional e infundado" (!). Que adxectivos reserva H. Monteagudo para a política lingüística estatal e autonómica? Que eu saiba, nengún destes.

Cando se estreou na Coruña A cicatriz branca, de Margarita Ledo, interveu o concelleiro Miguel Lorenzo, porque o filme merecera o patrocinio municipal. Fíxoo en español. Desde un palco, soou un berro: "¡Viva la lengua gallega!". Fun eu, non preciso explicar con que intención. Pois iso, "viva la lengua gallega", canto máis estragada, mellor.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios