Opinión

Carta aberta aos "jeadistas"

Como ven, escrebo directamente co "j" ("jeada"), para mellor caracterizar o que convencionalmente se grafa como "gheada". As gramáticas tradicionais definíana, xunto co chamado seseo, como dialectalismos proprios dunha ampla zona da Galiza. Non hai tal, realmente. O chamado seseo non é máis que a continuidade da pronuncia histórica (mantida en Portugal, como é ben sabido), por moito que se impuxese na fala o ceceo substituto. A jeada, en troca, é pegada directa do dominio do español, previo paso pola "gueada", á vista da inexistencia no galego do fonema do español. A represión exercida sobre o galego, todo el, virou en reprensión (violenta ou hilarante –outra forma represiva–) do español mal falado: "ánguel", "Virguen", "Gosé"... e tantos máis (na obra de temática galega de Dª Emilia Pardo Bazán poden atopar exemplos a esgalla). Tal reprensión provocou a hipercorrección: "jotas" á española igualmente á esgalla: "jato", "jallejo" e un longo etcétera. Popular? Se ecuacionamos este adxectivo a masivo no galego espontáneo de moitas partes do país, si. Se o consideramos como creación endóxena do povo galego, en absoluto. É, como dixemos, a marca flagrante do dominio do español, vehiculizada a través da deformación do galego. Quen fala espontaneamente con jeada, o mesmo vai dicer "jato" ou "jaliña" que "jueves" ou "juevos". Quer dicer, ese chamado galego popular é unha fala corrompida pola contaminación da lingua oficial do Estado. E isto non é un xuízo moral, por Deus!!: é simplesmente a descrición do que hai e pode ser rectificado, en ben da posesión dun idioma xenuíno, ou sexa, dun galego limpo de adherencias espurias, dun galego retornado a si mesmo.

No galego para min máis familiar, a fonética común é, por exemplo, "ar vacas", "veu ár nove da noite", "viñeron ar dúas": rotacismo típico do galego dezao. Tal trazo da fala viva non ten (fóra de marca estilística ou caracterizadora de personaxe) reflexo na escrita. No caso da jeada, que sentido ten mantela nas intervencións públicas, nas cancións, nos rótulos, cando nen sequer é –a diferenza do anterior– un trazo específico do galego senón un apósito do estrago inflixido ao mesmo? A música, profesora e cantante Pilocha resumíao ben no relato dunha anécdota da súa infancia en Vigo. Ela e as amigas gostaban de ver e escoitar xogantíns de cartas nun bar próximo á casa. "Xoja, Guán!" era o berro dun membro da timba. Velaí en só dúas palabras o "drama": galego desfigurado polo español-español á galega. No mesmo falante lembro eu ouvir "catejoría" e "meninguitis". Bilingüísmo perfeito, abofé!! Será "cordial", será "harmónico" ou será abrasivo?

Hai xustamente un mes, o 7 de Maio, vin e escoitei máis unha vez o dúo Aldaolado (tamén podería ser Ladoaldao), isto é, Lucía Aldao e María Lado. Como sempre, rimos a cachón. Elas prodigan o seu inxenio rindo do acto que apresentan, rindo do público, rindo dos premiados e rindo, xaora, delas mesmas. Coa confianza que me dá declararme súa espectadora e aplaudidora, pídolles encarecidamente: mantede o seseo, eliminade a jeada. O voso galego non se vai resentir; ao contrario, vai gañar. A mesma petición ouso formulala a todas-os contacontos, cantores-as, músicos e demais artistas cara ao público. Masivo non é = popular; é = estendido por mor dunha historia que nos foi arrebatada. Podemos rectificala, como pedía –e eu con el– Carvalho Calero.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios