Opinión

Un 155 lingüístico, fillo directo da Constitución española (I)

O 13 de Outubro de 1983, o primeiro goberno PSOE do actual rexime interpón recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Normalización Lingüística da Comunidade Autónoma galega, promulgada aquel mesmo ano. Estamos no ecuador da primeira lexislatura autónomica. Ramón Piñeiro, deputado "independente" no grupo do PSOE e Domingo García Sabell, delegado do goberno español na Galiza e, á par, presidente da Real Academia Galega. Once meses antes, en Novembro de 1982, os deputados nacionalistas Bautista Álvarez, Lois Diéguez e Claudio López Garrido, desposuídos ilegalmente dos seus escanos, previa imposición dun regulamento que non existía na pose dos mesmos, programado expresamente para invalidar pola forza a lexítima representación obtida nas urnas. Así de edificante foi o comezo da "autonomía" galega. 32 meses despois de apresentado o recurso mencionado (vulnerando o proprio prazo marcado na lexislación), o Tribunal Constitucional dita sentenzas atinentes á lei galega, á basca e á catalá, igualmente impugnadas. Nelas, a pulcritude xurídica brilla esplendorosa, a base de peticións de principio como esta: "Aunque la Constitución no define, sino que da por supuesto lo que es una lengua oficial, la regulación que hace de la materia permite afirmar que es oficial una lengua, independientemente de su realidad y peso como fenómeno social, cuando es reconocida por los poderes públicos como medio normal de comunicación en y entre ellos y en su relación con los sujetos privados, con plena validez y efectos jurídicos".

Bravo! O Alto Tribunal fai tamén súa a argumentación do recurso gobernamental cando este sostén que "La singularidad del castellano consistente en que para él, y sólo para él, la Constitución admita y establezca el deber de conocimiento resulta perfectamente fundada en la condición, exclusivamente correspondiente al castellano, de idioma común a todos los españoles y lengua oficial del Estado". Por isto, a definición estatutaria do galego como lingua "propia" da Galiza ha de se entender no sentido de idioma "peculiar" e "característico", pois tamén é "propia" do castellano. Nova petición de principio e nova agresión á semántica elementar, por non falarmos da aniquilación dunha historia secular.

Postular que algo é proprio equivale a declarar que o resto é alleo. Para maior sarcasmo, "peculiar", na súa orixe, significa o que nos pertence, o que é da nosa propriedade (baseada a palabra na posesión de pecus, gando, como ben de subsistencia e despois como metonimia de riqueza).

Os cachos saen ás olas. 35 anos despois da doutrina constitucional, a voracidade totalitaria do Estado –e das súas terminais xudiciais e dos seus axentes– non cesa. De que vale proclamar que se posúen, na lexislación autonómica, competencias plenas en educación, se un tribunal as pode invadir arbitraria e impunemente ordenando percentaxes obrigadas de ensino en español no sistema educativo catalán? Non abonda acaso coa invasión por terra, mar e ar do español, omnipresente a través de millenta emisores? Non, non abonda. Cómpre resementar de minas o campo cultivado e o seu froito. A maior gloria do totem imperial.

Comentarios