Opinión

Voltamos

Martxelo, Vicent, á fin volvemos cruzar as nosas cartas, e digo á fin non porque só botase de menos escribilas, senón porque é sempre un pracer lervos e intercambiar opinións convosco. Quero dedicar esta primeira entrega do 'Galeusca' a Vilaweb após ser convidada a coñecer a exposición sobre os 25 (máis dous) anos do diario. Vicent, só queda parabenizar, tamén publicamente, desde as nosas páxinas, todo ese inxente labor que vos levou de ter a redacción no cuarto dun piso a contar cun moderno local propio, no centro de Barcelona, á vangarda e cunha oficina en Valencia.

Atrás queda aquel 1995, cando comezastes Assumpció Maresma -a outra alma mater de Vilaweb- e ti, conectándovos tan só unha vez cada día á Internet, aproveitando todo o posíbel para deixar actualizada a páxina porque tres horas de conexión custaban 1.500 pesetas. Quen ía imaxinar que 27 anos despois tanto ía mudar a maneira de facer xornalismo e de relacionarnos as persoas! Toda unha revolución, como reflicte o título do libro que vides de editar polo aniversario.

É un orgullo poder ter as mans libres para escribir segundo a nosa liña editorial, que non é outra que a defensa dos intereses galegos

Fostes pioneiros, tamén en gran medida, grazas ás subscritoras e subscritores que vos posibilitaron medrar e que a día de hoxe representan o principal sustento do medio. Gostei de coñecer unha pequena parte delas e deles no acto que compartimos os tres no Palau Robert a semana pasada. Gostei de que seguisen as nosas opinións neste 'Galeusca' e do interese que amosaron por Nós Diario, polo xornalismo que defendemos e por un modelo de funcionamento no que as subscritoras e subscritores son chave, máxime tendo en conta que o noso "Govern" actúa de maneira sectaria negándonos as axudas ás que temos dereito e a publicidade institucional.

Mais, como apuntaba e vós tan ben sabedes -porque a estrutura financeira dos vosos medios susténtase nos vosos asinantes-, é un orgullo poder ter as mans libres para escribir segundo a nosa liña editorial, que non é outra que a defensa dos intereses galegos, e non facelo ao ditado nin da Xunta da Galiza nin dos grandes poderes financeiros.

Trátase, en definitiva, da forza do pobo. De que o pobo lea e apoie os nosos medios, que faga país. En Catalunya vén de demostralo saíndo á rúa de maneira masiva e manifestando que a mesa de diálogo co Estado español non chega, que quere máis. Avant!

Comentarios