Que agocha o PP?

A negativa do PP a crear unha comisión de investigación no Parlamento galego sobre a celulosa que a compañía portuguesa Altri, co seu socio galego Greenalia, pretendía erguer en Palas de Rei incrementa as dúbidas sobre os termos do acordo alcanzado en 2021 pola Xunta da Galiza e o grupo luso. Lembremos que o PP desbotou durante todos estes anos facer público o memorando asinado en outubro de 2021 entre a sociedade pública Impulsa, disolvida con nocturnidade e aleivosía polo Executivo galego en agosto de 2025, e Altri onde se recollían as condicións asumidas pola Administración galega para que a empresa portuguesa se emprazase na Galiza.

O citado memorando, actualmente en fase xudicial após unha demanda do BNG, contén unha parte importante dos segredos do proxecto, mais non todos. Aínda así, a súa publicación sería chave para coñecer as contraprestacións asumidas polo Goberno galego, as iniciativas impulsadas para favorecer a empresa e os cambios legais, no caso de habelos, promovidos para facer que a celulosa encaixase no emprazamento elixido na Ulloa. En relación a isto, hai dúas semanas coñecíase grazas a unha exclusiva de Nós Diario que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza consideraba ilegal a decisión da Xunta de retirar a protección ambiental aos terreos nos que Altri prevía instalarse.

O PP acusou onte a oposición –a iniciativa de crear a comisión partiu do BNG e contaba co apoio do PSdeG– de querer "manter vivo" o proxecto de Altri e volveu evidenciar que quere botar terra sobre o caso, mais o non vai ter doado. As diversas frontes que obran na esfera xudicial abren a porta a transparentar un proceso que podería apuntar diversos membros e departamentos do Goberno galego. Neste sentido, non deben esquecerse os reparos e as negativas de persoal funcionario da Administración galega a informar favorabelmente sobre os documentos presentados pola empresa e que poderían sustentar accións xudiciais contra distintos responsábeis gobernamentais.

Comentarios