Opinión

Prohibido enfermar

Martxelo, Vicent, os recortes en materia de sanidade continúan protagonizando a axenda social. Esta mesma terza feira comezaba unha folga convocada pola Confederación Estatal de Sindicatos Médicos para negociar melloras nas condicións laborais –que na Atención Primaria están rexidas pola precariedade– e para pedir máis tempo para atender as persoas nas consultas. Nos tres primeiros días, o paro provocou a suspensión de medio millar de cirurxías.

Tamén esta semana saíu á rúa persoal de Medicina Interna da área sanitaria de Santiago-O Barbanza para reclamar máis recursos. Aseguran verse desbordados pola cantidade de tarefas que teñen que asumir. E, á vez, na comarca da Mariña, a CIG, sindicato maioritario, denunciou a fuga de persoal médico debido á "inasumíbel" carga de traballo.

As protestas non só fican no persoal sanitario. As persoas usuarias aproveitaron a conmemoración do Día da Atención Primaria para se mobilizaren, da man de colectivos como SOS Sanidade Pública, contra os recortes. Porque o desmantelamento da sanidade pública non é unha praga bíblica, responde á política de privatización do PP.

Non por acaso o Goberno galego se nega a aumentar a partida destinada á Primaria do 12,3% ao 25% do gasto total en sanidade, como recomenda a Organización Mundial da Saúde. Tampouco traballa por evitar a fuxida, na última década, de máis de 1.500 médicas e médicos formados na Galiza para exercer fóra en condicións máis dignas. Un éxodo ao que tamén se viron obrigadas o 20% das enfermeiras de Medicina Familiar.

As cifras explican o contexto: A Galiza ocupa o posto 16 de 17 en gasto sanitario por habitante entre todas as autonomías do Estado español. Só ten uns datos peores Madrid. Que a prioridade do PP é a sanidade privada móstrase día tras día.

Eis unha outra evidencia da que vimos de ter coñecemento: o Goberno galego tivo que admitir esta mesma semana, en sede parlamentaria, que as famosas máquinas de alta tecnoloxía doadas por Amancio Ortega son empregadas na sanidade privada e non na pública. Mellor non enfermemos!

Comentarios