Opinión

O peixe voltaría...

O vindeiro 9 de outubro arredor de 200 embarcacións de capital galego que desenvolven a súa actividade en augas da Unión Europea deberán cesar na súa actividade. A decisión de prohibir a pesca en 87 caladoiros pertencentes a augas comunitarias significa a destrución de máis de 4.400 empregos directos e un impacto na conta de resultados das compañías directamente afectadas de perto de 350 millóns.

Esta resolución afecta a toda a cadea de valor do complexo mar-industria que, segundo un estudo dos profesores da Universidade de Santiago de Compostela María do Carme García Negro e Gonzalo Rodríguez, representa un 4,8% do total do Produto Interior Bruto (PIB) galego e un movemento anual de 9.000 millóns de euros.  

O Estado español vén utilizando a pesca desde hai décadas como moeda de cambio en Bruxelas

O complexo pesqueiro é un sector estratéxico da nosa economía. A carón da actividade extractiva, que encheu de dor e sufrimento en forma de naufraxio todos os lugares da Galiza mariñeira, desenvólvese desde hai décadas un polo de transformación no que somos pioneiros. En toda a costa aséntanse ducias de empresas de capital propio dedicadas ao conxelado, á conserva e a toda a cadea mar-industria. Un complexo moderno e punteiro, exemplo para moitos Estados do mundo, que se liga cunha tradición que vén do século XVIII, cando arrancaron os primeiros estabelecementos da industria salgadeira, á calor, como sabes ti, Vicent, do capital catalán.

O Estado español vén utilizando a pesca desde hai décadas como moeda de cambio nas súas negociacións diante da Unión Europea. Un bo exemplo é o da frota do Gran Sol, formada por 300 unidades cando a integración do Estado español na UE, e que, tras anos de reconversións impostas pola Comisión Europea, non supera as 70 embarcacións. Outro tanto acontece agora e o Goberno do Estado, diante desta decisión, renuncia a exercer o dereito a veto para impedir a entrada en vigor da norma e, ademais, cuestiónase recorrela diante dos tribunais comunitarios.

Dado o desfase e escaso rigor dos informes medio ambientais cos que Bruxelas xustifica a medida, non hai razón que explique o veto, alén dos intereses dos grandes grupos de capital que mandan nesta Europa dos mercados e non dos pobos. Como ben apuntou Castelao: "As sardiñas volverían se os Gobernos quixesen".

Comentarios