Opinión

Meirás, un triunfo do movemento da memoria

A memoria histórica molesta porque impugna a medular do pacto da Transición sobre o que se articula o réxime vixente no Estado español. Un acordo entre os herdeiros políticos do franquismo e unha parte da chamada oposición democrática nucleado arredor do silencio sobre os 40 anos de ditadura, o esquecemento sobre os crimes do fascismo e o mantemento dos privilexios dos sectores sociais e económicos que apoiaron o franquismo. Os mesmos que partillaron a estratexia do terror do réxime, que se enriqueceron pola súa conivencia co mesmo, que se viron reforzados nas súas posicións de poder e que se mantiveron en postos chaves do Estado após morrer Franco.

A recuperación do Pazo de Meirás é un triunfo do movemento social da memoria. A comezar polo traballo de dous investigadores de Sada, Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo, que á marxe dos círculos académicos e sen ningún apoio institucional documentaron nun volume a historia do espolio de Meirás. A seguir, por quen se mobilizaron pola devolución do inmóbel ao pobo, algúns dos cales aínda agardan xuízo tras unha ocupación simbólica do pazo denunciada diante dos tribunais polos herdeiros do ditador. E tamén polos responsábeis da área de memoria da Deputación da Coruña, que impulsaron na esfera institucional unha demanda que remataron por asumir outras administracións.

Fica por definir o uso e xestión do espazo, evitando que os cambios de goberno poidan alterar o destino como centro da memoria

O camiño que fica por diante é moi longo. A devolución das chaves do Pazo de Meirás non fecha o proceso de recuperación do inmóbel para o pobo. Á marxe do percorrido dos recursos dos herdeiros do ditador diante doutras instancias xudiciais, fican por definir o uso e a xestión do espazo, evitando que os cambios gobernamentais poidan alterar o seu destino como centro da memoria democrática e como lugar de denuncia da ditadura. A posición do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, opoñéndose a este uso adianta as intencións dun Partido Popular que se amosa incómodo cando se cuestiona o franquismo.

Comentarios