Don Ramón, a dignidade

Arranca en Nós Diario un coleccionábel sobre a vida, obra e pensamento de Ramón Otero Pedraio. A publicación, coordinada pola profesora da Universidade da Coruña e grande especialista no autor de Os camiños da vida María do Carme Fernández Pérez-Sanjulián, achégase a diversos aspectos dunha figura sen a cal non se entende o século XX galego a nivel político, social e cultural.

Otero Pedraio, como todas as persoas da súa xeración, fixo de todo porque todo estaba por facer, mais sempre atendendo a unha vontade de servizo a Galiza, que explica a súa ampla obra literaria, os seus estudos no ámbito da xeografía e da historia –aínda chaves para coñecer e entender o país– e a súa militancia sen descanso na causa galega durante máis de cinco décadas.

Era da mesma madeira de Castelao, pois viviu para loitar e nunca se rendeu. Enfrontado a unha escisión no nacionalismo nos anos finais da II República española, ficou no Partido Galeguista porque para el o importante era o país. Malia ser represaliado polo franquismo, que o apartou durante dez anos do seu posto de traballo como docente, mantívose firme nos seus principios e non traficou coas súas conviccións. Así, golpeado polo réxime e por parte dos propios, continuou leal á ideoloxía que axudou a crear desde os anos 20, achegándoa ás novas xeracións sen adulteración e con lealdade ao produto orixinal.

Houbo grandes Ramóns na Galiza do século XX. Cabanillas, o poeta da raza; Suárez Picallo, o sindicalista galego na Arxentina e deputado galego da emigración nas Cortes republicanas; Vilar Ponte, o pensador e ideólogo que perfilou o corpus teórico do nacionalismo, legando unha elaboración doutrinal que recolleu Castelao... Aínda así, Otero Pedraio é don Ramón, cunha traxectoria que representa un eloxio da dignidade e que segue interpelando as galegas e galegos practicantes do século XXI.

Comentarios