Opinión

Angrois, José Blanco e Ana Pastor

Martxelo, Vicent, esta semana volveu estar marcada polo accidente de tren ocorrido en Angrois (Compostela) en xullo de 2013. Nos últimos días declararon na causa xudicial sobre o sinistro o interventor do tren, que chamara por teléfono o maquinista; os policías que auxiliaron as vítimas, o xefe de maquinistas que trasladara dous anos antes un aviso aos seus superiores sobre a perigosidade da curva na que descarrilou o Alvia e o xefe de circulación da estación de Compostela, que tamén se referira ao problema do trazado nese tramo. A asociación de vítimas e familiares de vítimas do accidente, no que morreron 82 persoas, considera que a xuíza Elena Fernández Currás, irmá de Marta, ex conselleira de Facenda nun dos gobernos de Feixoo, e ex secretaria de Estado de Orzamentos, ditará sentenza mais iso non implicará xustiza ningunha. Foi este colectivo quen, da man da hoxe eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciou en Bruxelas o acontecido e grazas a esa loita conseguiu que, alén do maquinista, sentase no banco de acusados o por entón xefe de Seguridade do Adif, Andrés Cortabitarte. O informe emitido por Bruxelas en xullo de 2016 invalidou a investigación realizada pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios do Estado español por falta de independencia.

PSOE e PP trataron de sacar fóra do debate político o accidente debido á implicación dos ex ministros José Blanco, quen deseñou e inaugurou a liña, e Ana Pastor, quen puxo en servizo o tren e autorizou a desconexión do sistema de seguridade ERTMS que tería contribuído a evitar o sinistro. Nas últimas semanas coñeceuse a carta enviada por Pastor á comisaria de Transportes da UE Violeta Bulc na que lle pedía que non publicase o informe desfavorábel á investigación española.

É obvio que o maquinista circulaba ao duplo da velocidade indicada no tramo. O despiste deberíase a unha chamada realizada polo interventor para intercambiar información sobre a entrada do tren en Pontedeume, onde baixaría unha familia. Mais, á vista das graves eivas en seguridade e deseño da liña, así como das presións de Pastor para que o informe europeo non vise a luz, resulta curioso que ningún dos ex ministros de Fomento tivesen que declarar na causa xudicial. Non foron os máximos responsábeis das decisións que se tomaron?

Comentarios