Opinión

Soberanía Estética

Chama a atención a conciencia coa que pensaban na palabra “Nación” os homes e mulleres que formaban parte das Irmandades da Fala, como desa conciencia crearon a idea da nación galega, abonda lermos o seu Manifesto da Primeira Asemblea Nacionalista asinado o 18 do mes de San Martiño na cidade de lugo en 1918; un manifesto para “conquerire do goberno da sua maxestade El Rey Autonomía integral da Nazón Galega”.

No punto VII dos “Aspeitos artísticos” do manifesto poucas veces reparamos, é onde se fala de: “Proclamar a soberanía estética da Nazón Galega”, que se exercerá sobre as construcións urbanas e rurais, ditándose unha lei que obrigue aos propietarios a axeitar o estilo das construcións ao xeral de cada vila galega, coa expropiación de monumentos e paisaxes, na organización do ensino artístico coa creación dunha Escola Musical Galega. Fixeron esforzos, ás veces nin os coñecemos.

Abonda lermos o Ensaio Histórico da Cultura Galega de Otero Pedrayo e sabermos da personalidade de Galiza antes de chegaren as aguias romanas; abonda repararmos nas letras que xa foran gravadas en pedra e que Castelao trasladou á revista Nós, alicerce de nós cada páxina en que pegou a identidade. Abonda repararmos hoxe no nome deste xornal, no deseño consciente que revitaliza identidade e tradición, que é vangarda, de Pepe Barro. Mais aínda hai máis.

Hai máis, cando Cabanillas e Vilar Ponte procuran a figura do Mariscal, a mesma intención que cando Pondal, procurou os nomes da terra; cando Cotarelo Valledor escribe Hostia, moito máis que a mesma intención que narrar os últimos días de Prisiciliano en Tréveris, como tamén fará Millán Picouto, e aínda hai moito máis cando María Xosé Queizán nos trae ao herexe para as páxinas de Amantia... Hai toda unha intención na chegada da espada de Rei Artur ou Merlín ou Galván, no punto de mira de Cabanillas, Cunqueiro, Ferrín ou Cabana, e como desde outra ollada, Morgana chega a Esmelle para falar con Xenebra da man de Begoña Caamaño. A letra dálle forma á lingua e esta é soberana para a literatura ser galega, como pode ser galega Antígona na escrita de María Xosé Queizán.

Hai máis cando se andou sen complexos mundo adiante, sen pagar alfándega en Madrid, e esa soberanía estética estaba nos “pasos” que substituíron ás escenas en A man da Santiña de Cabanillas, estaba nos tres “lances” en que dividiu a Fiestra Valdeira Rafael Dieste, estaba na concepción do xénero propio das Cousas de Castelao, esa xuntanza de ilustración máis palabra, nin a unha sobre a outra; estaba no desenvolvemento da “Cousa” para lermos o “Retrinco”, tamén, na mesmiña “peza de dous lances” que é proba que “Lance” é a palabra que temos para “Acto” teatral. Como temos “Novelo” para un relato aínda máis desenvolvido nas Vidas non paralelas de Otero Pedrayo. Palabras de noso para as formas do relato breve.

Por iso existiu un día un Laboratorio de Formas de Galiza e Sargadelos, fóra as mans de Ruíz de la Prada; por iso cómpre vivirmos en galego, por iso os brincos da Fonsagrada son identidade e a cara de Rosalía de Castro revitalizada nunha camisola. Por iso esta renovación chega con toda a intención á literatura do ciclo dos elementos de Reimóndez, por estarmos no mundo e sermos como cando imos por Galiza en Bus, ou cando se collen da man as Malvela e as Tanxugueiras.

Comentarios