Opinión

Déborah, Mila, Jéssica... Tendidos de dor

Déborah Fernández entrou nas nosas vidas despois de abril de 2002 a través da súa fotografía que anunciaba a súa desaparición. Seguimos a dor e a indignación, o amor da familia que nunca claudicou, que conseguiu que o caso seguise aberto e que dezanove anos despois se volvese ter en conta o seu corpo, a súa axenda e o seu ordenador. As cousas non se fixeran ben daquela, tampouco, e o caso de Déborah enterrárase demasiado rápido. A aparición do cadáver de Diana Quer no ano 2017, a detención do asasino e todos os medios empregados na investigación volveron pensar en Déborah. Hai vinte anos que a familia de Déborah agarda e nós con ela, para saber como morreu, para saber quen levou o seu corpo a unha cuneta, quen o colocou desa maneira e por que. Mais ademais dunha familia e de nós, debería estar alguén máis, un estado, unha xustiza, que non claudique.

A Mila Marchetti enterrárona onte no cemiterio de Ourense, o seu cadáver apareceu nun colector de lixo do punto limpo do Carballiño. Antes, Mila dixo en dúas cafeterías que a ían matar, non quixo que chamasen á Garda Civil, non chamaron e deixárona marchar. Despois a Garda Civil de Tráfico atópaa andando soa, en pixama e mollada pola autovía cara Maside, lévana ao PAC para ser atendida, disque fala de maltrato, seica se contradí e, de seguro, ten moito medo. Cando se calma déixana ir. Por que non se activou o protocolo VioGen para quen non se atreve a denunciar? Doe o caso de Mila, 38 anos, brasileira que levaba unha década aquí, camareira no Club Ninfa's, que casara ou ía casar co fillo do propietario, Aquilino González; procuren este nome ligado a unha sentenza ditada na Audiencia de Pontevedra o 8 de marzo de 2016, que provocou a reacción da Rede Galega Contra a Trata. Por que nunca se fechou o Club Ninfa's? Doe pensar que Mila se meteu soa no contedor.

Dóenos a morte de Jéssica Méndez, dóenos a dor da súa nai. Pensamos na familia, na veciñanza de Barro, en quen tratou de protexela, durante anos, até o mesmo día da morte anunciada en que o acosador sinalado a ía matar. Como se pode vivir así? Disque José Eirín controlaba todos os movementos de Jéssica, fíxoo ese día botando o seu coche contra o dela, matándoa. Non se fala de violencia de xénero por non teren ningunha relación sentimental, o caso trátase como homicidio doloso. Non abonda o que todo o mundo sabía que pensaba o acosador: se non é miña, non vai ser de ninguén.

Mentres Vox ameaza a liberdade das mulleres e o regreso a unha lei antes de Ana Orantes, Núñez Feijóo non sofre de amnesia cando nega que a violencia vicaria sexa violencia de xénero. Mentres acontece todo isto, que vai ocorrer coa "comisaria" Estíbaliz Palma que divide o territorio dun estado ao que se debe, en nacional e republicano, e que atenta contra todas as mulleres ao dicir que a algunhas lles gustaría que as violase un antidisturbios? Non hai violencia de xénero nestas palabras? Que pasa coas persoas que lle riron a "graza"?

Hai que mudar a lei de violencia de xénero, incluír a trata, casos como o de Mila, casos de acoso como o de Jéssica, garantir a investigación até o esclarecemento e esixir a responsabilidade das palabras que a enaltecen ou a banalizan. A xustiza debe primar entre nós e os tendidos da dor.

Comentarios