Opinión

Chega o premio Nobel de Literatura. Nélida Piñon?

A semana próxima saberemos o nome da gañadora (?) do Premio Nobel de literatura 2013. Cando chegan estas datas sempre me pregunto se as persoas que forman parte da elección lograron gardar o segredo, se esas persoas que teñen as súas preferencias, que imaxino loitando por autores e autoras, matinado estratexias, incluso quen sabe, soportando “propostas”, manteñen a boca fechada nun proceso tan longo. Este ano disque houbo cento noventa e cinco candidaturas, hai corenta e oito nomes que se propoñen por primeira vez; en abril minguou a listaxe até quince ou vinte, para no mes de maio ficaren só cinco nomes. 

A semana próxima saberemos o nome da gañadora (?) do Premio Nobel de literatura 2013. Cando chegan estas datas sempre me pregunto se as persoas que forman parte da elección lograron gardar o segredo, se esas persoas que teñen as súas preferencias, que imaxino loitando por autores e autoras, matinado estratexias, incluso quen sabe, soportando “propostas”, manteñen a boca fechada nun proceso tan longo. Este ano disque houbo cento noventa e cinco candidaturas, hai corenta e oito nomes que se propoñen por primeira vez; en abril minguou a listaxe até quince ou vinte, para no mes de maio ficaren só cinco nomes. Esas persoas que deben gardar o segredo enfrontáronse á lectura das obras das cinco escritoras ou escritores finalistas, para algunhas novas  autorías novos libros, no mes de setembro xuntáronse para discutiren e veren o resultado do seu traballo e das súas estratexias na defensa ou ataque. Tal día coma hoxe, ese colectivo que elixe, do mundo da crítica, dos estudos literarios, escritores ou escritoras que xa recibiron o premio, vai ver o resultado das súas defensas, dos seus ataques, das súas estratexias, a semana próxima alguén nos revelará o nome. Gardarán un segredo, que inclúe a cento noventa e cinco nomes que se van eliminando até chegar a un? O segredo dun proceso que só pode ser revelado dentro de cincuenta anos! 

"Para o portal de apostas Ladbrokes, sempre se agarda pola súa quiniela, o candidato para recibir o Premio Nobel 2013 é o autor xaponés Haruki Murakami"

As apostas están ao día no mundo editorial e da crítica, entre colegas da escrita, entre quen  non pode coñecer a identidade das cento noventa e cinco persoas, as apostas figuran nos medios de comunicación. O Nobel é unha fortuna, para quen o recibe e para quen o publica, que si verán economicamente recompensado o seu traballo; quen nunca recibe un peso de máis, poida que si máis ofertas de traballo, é quen se encarga de trasladar o universo literario da autora ou do autor a outras linguas, esa persoa sempre esquecida que se responsabiliza do labor nobre e solitario da tradución. A feira do libro de Frankfurt, sen dúbida a máis importante do mundo para os negocios, sobre todo, das linguas máis “desenvolvidas” e do mundo editorial “máis forte”, tamén máis agresivo, comeza o 9 de outubro, é un marco excelente para recibir esa noticia. Alí estarán as editoriais que se van sentir premiadas, ás que lles vai tocar a lotaría, espero que estea a autora premiada, xa que quero que sexa unha autora, por moitas razóns. 

Para o portal de apostas Ladbrokes, sempre se agarda pola súa quiniela, o candidato para recibir o Premio Nobel 2013 é o autor xaponés Haruki Murakami, na nosa lingua publicado pola editorial Galaxia. Hai que dicir que este portal acertou cando lle concederon o premio a Herta Müller, publicada en galego por Edicións Xerais, e os dous últimos premiados, Mo Yan e Thomas  Tranströmer, achábanse entre os seus favoritos. No listado enorme do portal británico hai varias autoras,  a alxerina Assia Djebar,  a italiana Dacia Maraini,  a recoñecida canadiana inglesa, membra de Amnistía Internacional, Margaret Atwood,  a gran renovadora da lingua inglesa  A S Byatt, a querida entre o público xuvenil e nonaxenaria narradora de Estados Unidos Paula Fox, a británica consagrada co xénero da novela histórica Hilary Mantel, unha representante do xénero da ciencia ficción a estadounidense Ursula Le Guin, a novelista nixeriana Chimamanda Ngozi, a narradora norueguesa -de só cincuenta anos- Merethe Lindstrom, a polaca  Olga Tokarczu das novas xeracións de ensaístas, a poeta canadiana en lingua inglesa Anne Carson, a iraniana Azar Nafisi, a escritora bengalí Mahasweta Devi, a poeta, cantante e activista civil nacida nos Estados Unidos Maya Angelou, a laureada poeta da corte da Ingleterra Carol Ann Duffy, a poeta finesa Eeva Kilpi, a escritora estadounidense e biógrafa de Xoana de Arco,  Mary Gordon, a narradora da epopea da inmigración da India aos Estados Unidos Jhumpa Lahiri, a poeta e activista feminista estadounidense Marge Piercy, a tamén estadounidense narradora Marilynne Robinson, a poeta laureada tamén dos Estados Unidos Louise Gluck, a autora teatral finesa -nacida en 1977- Sofi Oksanen,  a novelista de orixe sudanés Leila Aboulela, a comprometida narradora vietnamita Duong Thu Huong e a novelista australiana – nacida en 1966-  Anna Funder.  Cantas escritoras descoñecidas no mundo editorial máis próximo! Cantas lonxe de seren traducidas! Cantas das que nada sabemos! Agardo que as editoriais do noso sistema literario tomen notas. Entre os cinco primeiros nomes do listado do oráculo figuran en quinto lugar a canadiana en lingua inglesa Alice Munro e, en segundo, a autora estadounidense, eterna candidata, Yoice Carol Oates,  con obra recentemente publicada, criterio moi importante, o da actualidade que a autora suma a unha gran traxectoria que é moitas veces a xustificación do premio. 

"Cantas escritoras descoñecidas no mundo editorial máis próximo! Cantas lonxe de seren traducidas! Cantas das que nada sabemos!"

Entre esta ampla nómina de autores figuran, en oitavo lugar, o candidato do recentemente falecido crítico de literatura alemán Marcel Reich-Reinicki, o estadounidense Philip Roht, que declarou publicamente o seu abandono da literatura,  ou nun posto moito máis abaixo un novelista polo que ten especial predilección a editorial Galaxia, Paul  Auster. Tamén figuran os nomes de Eduardo Mendoza, autor tan lido (recomendado) nas aulas do ensino secundario, de Vila-Matas tan citado na última novela de Manuel Veiga, Os xornalistas utópicos, e o autoexiliado en Marrocos Juan Goytisolo, que tamén fixo público o seu abandono da novela, mentres se agarda o seu primeiro poemario.  Alégrame a inclusión do poeta Antonio Gamoneda, nomeado no ano 2011 escritor galego universal pola AELG. O mundo da lusofonía está representado nesta quiniela por tres autores que me gustan o portugués Lobo Antunés, o mozambiqueño  Mia Couto e o brasileiro Ferreira Gullar.

A feira do libro de Frankfurt que atrae o negocio e a curiosidade, que enche a cidade de libros, de linguas exóticas, de historias de moi lonxe e tan próximas, ten este ano como hóspede de honra a Brasil, os rostos das súas escritoras, dos seus autores, as súas palabras colonizan a cidade, toman a estación de tren, o aeroporto, as prazas, as librarías e múdanlle o ritmo, por uns días, tamén de vertixe para a venda do Brasil. Fermoso lugar para as viaxes, non só para asistir ao próximo campionato de fútbol do mundo, tamén para os negocios emprendedores dese alumnado que leva anos aprendendo en moitas universidades alemás “relacións comerciais con América Latina”, que provocou que nas universidades de Colonia ou de Tréveris se abrise a porta a entrada do estudo do “brasilianisch”, tamén novas ofertas para tradutores e tradutoras de “brasilianisch”. Un lugar e un momento moi oportuno para que o novo Premio Nobel de literatura 2013 se lle conceda á literatura brasileira, xa todo está en Frankfurt. Non sabemos se hai algún nome da literatura brasileira entre as  cento noventa e cinco candidaturas, na nómina do portal inglés, só figura o nome de Ferreira Gullar, que recibiu o premio máis prestixioso da literatura lusófana, o Camões, no ano 2010 e que é un bo candidato. O que si sabemos é que entre as apostas de  Ladbrokes hai polo menos dúas grandes ausencias da literatura brasileira, nunca premiada, dous nomes de autoras, o de Lygia Fagundes Telles que xa ten noventa anos, que non vai acudir á Feira de Frankfurt, cunha ampla e comprometida traxectoria literaria, e o de Nélida Piñon, a primeira muller que preside a Academia Brasileira de Letras, recoñecida con moitos dos máis prestixiosos premios literarios internacionais e que vai estar na Feira do Libro de Frankfurt.

"Un lugar e un momento moi oportuno para que o novo Premio Nobel de literatura 2013 se lle conceda á literatura brasileira, xa todo está en Frankfurt"

Penso que si, que Nélida Piñon, tamén traducida por Galaxia, está entre os cento noventa e cinco nomes dos que se falou en Estocolmo, creo figurou entre os quince ou vinte que ocuparon as horas do xurado no verán, podo afirmar, xa que dentro de cincuenta anos xa non estarei aquí, ela tampouco, que figura entre as cinco últimas candidaturas e aposto contra o portal inglés, que nin a ten en conta, que vai ser a que reciba o galardón.

Criterios (extra)literarios favorecen a súa candidatura: a entrega ao oficio da escrita toda a vida, criterio que non sempre se ten en conta, xa que ás veces o Nobel premia a obra máis recente e potencia autores e autoras máis novas, punto que sempre se critica.

Brasil e a súa literatura, ese país, necesita e merece un Nobel. O mundo da lusofonía só foi premiado unha vez, no ano 1998, con José Saramago.

Desde o ano 2009 non se lle concede o premio a ningunha autora, este é un aspecto que tamén se ten en conta.

"Unha memoria prenatal, aniñada en Cotobade, en Galiza, que se respira entre as súas palabras, na súa lingua rica portuguesa, brasileira, galega... lusófona que, queira ou non, tamén nos inclúe".

Nélida Piñon é unha narradora excelente, unha virtuosa no manexo da palabra. Non é desde logo a miña escritora favorita. Máis case nunca, ás veces si, considero “meus”, “miñas”, os e as que reciben o Premio Nobel. Xa non o recibirá Christa Wolf, a Günter Grass teríalle gustado partillalo con ela; non o recibiu aínda, e si figura no listado de Ladbrokes, Peter Handke, mais si llo concederon, e para min foi unha das grandes sorpresas, a Elfriede Jelenik;  tamén sorprendida e feliz  fiquei coa premiada no ano 2009, Herta Müller, autora que me emociona. Tamén me conmoven e aprendo moito delas as personaxes de Lygia Fagundes Telles, oxalá, me equivoque e llo concedan, moito tempo non hai, tampouco o había para Doris Lessing... 

Por que non sempre é o que máis nos gusta, mais tamén nos gusta pola súa literatura, o que debe ser, o interesante e hai moitos intereses para que Nélida Piñon reciba o Premio Nobel de Literatura... Hai algo no seu mundo onírico, unha memoria prenatal, aniñada en Cotobade, en Galiza, que se respira entre as súas palabras, na súa lingua rica portuguesa, brasileira, galega... lusófona que, queira ou non, tamén nos inclúe.

Marga do Val

Comentarios