Opinión

Bráulio-camarada-amigo

A Ánxela

Cando penso en Bráulio Amaro Caamaño digo compañeiro, camarada e no máis profundo, amigo. Con quen o coñeceu, pronuncio, imprescindíbel.

Compañeiro de min e de nós, digo, irmán, nunha familia de afectos e crenzas que se vai tecendo ao longo da vida e xa hai moitas décadas que nos coñecemos. A fin non era "eu", era o "nós". Cidadán, portador do compromiso social que levaba consciente en cada paso que daba, un corpo político, como ben me apunta o amigo Abilleira. Sei que quen o coñeceu concorda e non falo de máis. Bráulio, non foi un impostor.

A palabra camarada ten unha connotación persoal cun significado máis elevado, que non adoito empregar, para min non é só sinónimo de compañeiro, no sentido de quen comparte costumes e xeitos de actuar, ideoloxía ou asociación. Para min Bráulio-camarada é, unha palabra en si mesma que zumega lealdade e ética, praxe política compartida. Coincidín con el en Vigo, na década dos noventa, compañeiro sindical e de militancia na defensa dos intereses do pobo(s) e de Galiza, onde a palabra internacionalismo cobraba un sentido real, nada era nel artificial ou finxido. Coincidín con el cando ser muller e traballar no mundo político non era nada doado, menos ser responsábel de prensa dunha organización que tiña todo que demostrar; non podo esquecer o seu apoio sempre, cando eu me enfadaba por como se trataba ás mulleres no mundo (da política). Cando o mundo se dividía só entre homes e mulleres, Bráulio xa só vía persoas; mais actuaba cun respecto absoluto, nunca pretendeu ocupar espazos que non lle pertencían, tiñamos que liberalos nosoutras. Era feministo, utilizando ese adxectivo tan ben empregado na revista A Festa da palabra silenciada, non se falaba nin de novas masculinidades, nin de vellas feminidades. Bráulio era feministo ou feminista, no seu xeito de entender e actuar, connosco as súas compañeiras, coas persoas. Era camarada, un igual.

Defensor da educación pública, ensinante de vocación e valente, escribiu con Bouzó, Carme Taboada e Alberto Zato, un capítulo de dignidade na historia da educación en Galiza, revisen a historia do IES Manuel Antonio. Profesor de matemáticas, amante da astronomía, defensor do territorio, aí estivo en Nunca Máis, contra a depredación, na necesidade de pararmos as minas, Corcoesco, na defensa da ría.

Defensor dos dereitos civís, da liberdade, da insubmisión, da recuperación da memoria, da restitución da verdade sobre as últimas vítimas do franquismo, consciente cos tempos actuais asinou o Manifesto pola Constitución da Plataforma Antifascista Galega. Vida de compromiso coherente.

En xuño de 2020 visibilizou a súa historia clínica co número 469164, e escribiu a crónica dun paciente vigués con cancro, a súa propia historia, para denunciar que a política do goberno do PP está rematando coa sanidade pública, desatendendo á cidadanía enferma, esixía a atención médica con recursos e garantías para todo o mundo. Até o último momento, solidario e mestre na vida.

Amigo nos momentos máis duros que me tocou vivir, estivo aí, para mandar unha mensaxe necesaria, sempre estaba. Este corpo político tamén era boa persoa. Até sempre, Bráulio-amigo-camarada.

Comentarios