Opinión

Unha xanela aberta para a igualdade

Este escrito está asinado por: Marcos Maceira, Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística (Galiza); Paul Bilbao Sarria, Secretario Xeral de Euskalgitzaren Kontseilua (Euskal Herria); Òscar Escuder i de la Torre, Presidente de Plataforma de la Llengua (Països Catalans); Iván Llera, Presidente de Iniciativa pol Asturianu (Asturies); Eduardo Laga, Secretario da Asociación Cultural Nogará-Religada (Aragón); Natxo Badenes, Presidente de Escola Valenciana (Valencia); Toni Gisbert, Secretario de Acción Cultural del País Valencià; David Minoves, Secretario do Ciemen; Òmnium Cultural (Països Catalans) e Josep de Luis Ferrer, Presidente de Obra Cultural Balear (Illes Balears).

As persoas asinantes deste artigo representamos entidades que traballan pola normalización de linguas minorizadas no Estado español. Incidimos nas nosas sociedades con diferentes proxectos e iniciativas, para entre outros obxectivos, acadar o dereito a vivirmos na lingua propia dos nosos territorios. 

Somos conscientes de que a iniciativa social debe ir acompañada de políticas lingüísticas e medidas eficaces. Por isto, hai dous anos, decidimos pór en andamento unha iniciativa conxunta co obxectivo de incluír no debate político a garantía dos dereitos lingüísticos nos nosos territorios coa presentación do documento Pluralidade lingüística: liberdade, igualdade e democracia onde emprazamos aos partidos a asumiren os principios de igualdade lingüística, para garantir unha sociedade xusta, realmente plural e democrática con dereitos e deberes efectivamente iguais para todas e todos. 

Como resultado, dez organizacións políticas fixeron súas estas reivindicacións presentando en decembro unha proposición non de lei que foi debatida no Congreso o pasado 9 de marzo.

O 45% dos habitantes do Estado español viven en territorios con lingua propia diferente do castelán. Lonxe dun simples dado estatístico é unha realidade que na práctica obriga ao uso do castelán para atender obrigas, para seren satisfeitas necesidades e respectados outros dereitos. O uso dos nosos idiomas atopa sempre o muro da exclusión, da coacción, do veto, da inexistencia, da invisibilidade ou das condicións imposíbeis baixo o amparo do Boletín Oficial do Estado.

Desde a Declaración Universal do Dereitos Humanos á Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos, do Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos á Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, acordos internacionais cos que está comprometido o Estado español, hai coincidencia e que todos os pobos e comunidades lingüísticas, iguais en capacidades, deben ser tamén iguais no dereito a realizaren todas as actividades humanas na súa lingua propia. Igualdade, liberdade e democracia con vontade de exercicio. 

A porta que ficou aberta non se vai pechar nunha votación. Insistiremos e seguiremos actuando desde as nosas realidades diversas

A vontade das entidades sociais de diálogo e de chegaren a acordo aceptando todas as propostas alternativas á nosa coa única condición de teren como base a igualdade de todas as comunidades lingüísticas e vontade por levala á práctica e executar accións concretas encontrouse por unha banda cun PP, que apresentou un emenda recoñecendo a necesidade de iguais dereitos e deberes, mais continuaba a manter limites que baleiraban de vontade práctica a proposta, e por outra banda cun PSOE pechado ao mais elemental recoñecemento da igualdade plena de todas as linguas existentes no Estado. 

O feito de os dous partidos que presidiron o Estado nos últimos corenta anos manteren a súa posición de sempre non permitiu acadar un compromiso con todos os puntos da proposta para pasar da política declarativa á executiva e, en consecuencia, dar plena validez aos pactos asinados polo propio Estado, mais finalmente foron aprobadas tres das medidas contempladas. 

Non temos dúbida de que foi grazas á presión dos axentes sociais nen, de que aínda obtendo un resultado insuficiente, logramos abrir de novo o debate, sentármonos e dialogar con quen estivo disposto. Definimos o camiño e conseguimos que se fosen adherindo novos axentes políticos até o de agora impermeábeis a demandas tan fortes e tan necesarias nas nosas sociedades.

Abrimos unha xanela mais o futuro das nosas linguas precisa que se abran moitas máis e que nunca máis se fechen. Insistiremos e seguiremos actuando desde as nosas realidades diversas, mais tamén coordenados en todos os espazos que puidermos na procura dunha democracia real que rexeite toda as formas de racismo, tamén o lingüístico que despreza, exclúe e discrimina cidadáns por se manteren como membros dunha comunidade lingüística.

Queremos vivir en galego, euskaraz bizi nahi dugu, volem viure en catalá, nagüamos vivir n’asturianu, queremos vivir en aragonés.

Comentarios