Wayne e Eastwood no novo Oeste

John Wayne foi un actor norteamericano cunha extensa filmografía que abarcou medio século, entre 1926 e 1976. Fíxose coñecido, sobre todo, polas súas películas do Oeste, nas que adoitaba interpretar o papel de home duro, case sempre o shériff, moi en consonancia coas súas ideas de republicano de dereitas.

Perdoen este recurso ao cine de vaqueiros, tan distanciado por outra parte do auténtico Far West, pero semella que o trumpismo encontrou nel a inspiración para a súa política en branco e negro, na que os problemas se resolven con fanfurriñadas e a tiros.

O último Wayne coincidiu co primeiro Eastwood. Puideron encontrarse nalgúns proxectos, pero Wayne non aceptou as ideas de Eastwood, a quen tamén lle gustaba encarnar o papel de duro, pero con algúns trazos de antiheroe, capaz de recoñecer a existencia dos "outros": negros, inmigrantes hispanos ou mulleres prostituídas á forza.

Wayne é Trump. Eastwood é a Norteamérica do Partido Demócrata, aínda que el mesmo, na vida real, vote polos republicanos. Volve un Wayne remasterizado, o heroe enérxico. A Norteamérica de Trump preconiza a crueldade, un Wayne sen maquillar, máis agresivo se cabe que o propio personaxe.

A que se debe este regreso da vella política, despois de décadas nas que os EUA trataron de presentarse, cando menos en aparencia, de forma máis inclusiva e con maior respecto pola diplomacia?

O que, en principio, parece buscar o vaqueiro Trump non é matarnos, senón que nos rendamos antes mesmo de ser atacados. Quere que non reaccionemos, que permanezamos bloqueados polo susto e o medo. Busca imbuírnos o máximo pesimismo posíbel, para erixirse el no único rei e para converter a obediencia aos EUA no único futuro permitido.

Pero que hai detrás desta actitude? Os Estados Unidos non atravesan unha etapa de crecemento imparábel, como foi para eles case todo o século XX. Trump debe afrontar o declive da gran potencia que hoxe sofre, ademais, unha perigosa guerra interior. As propias axencias de seguridade norteamericanas batallan entre si. O novo vaqueiro do Oeste non só carece de nova terra para colonizar, senón que lle apareceron fortes competidores en moitos territorios que consideraba xa conquistados. As maiores cidades do mundo, xa non son Nova York e Tokio, a maioría delas encóntranse hoxe en América do Sur, en África e, por suposto, en Asia. A vitoria demográfica do sur sobre Occidente é visíbel e simultaneamente o seu peso económico crece de forma imparábel. Encontrámonos ante o que ben se podería chamar unha nova e definitiva onda descolonizadora.

O Wayne que agora vemos é un Wayne crepuscular. Wayne-Trump resultou ser o matón defendéndose, o chulo que sente que xa non o respectan e que se ve obrigado cada vez máis a sobreactuar e ameazar. Polo de agora conta coa vantaxe de que os países emerxentes carecen aínda dunha boa coordinación e dunha sorte de modelo a seguir. Quédanos aínda moita película por diante, pero o final xa se adiviña. Europa paga as entradas e as pipocas.

Comentarios