Venezuela está dividida, tamén Estados Unidos

A impugnación do resultado electoral en Venezuela era un factor esperado. Desde a chegada de Chávez ao poder, houbo 31 procesos electorais. O chavismo gañou 29 e os 29 foron impugnados pola oposición. Se esta deslexitimación do resultado estaba prevista, o cómputo final é sen embargo un paso adiante para Maduro, que ten seis anos para estabilizar o país, despois de que os dous últimos foran de certa recuperación económica.

En todo caso, Venezuela segue dividida. Despois da depresión e as bágoas, a oposición máis vinculada a María Corina Machado reiniciou o activismo. Algúns candidatos de menos peso chamaron, en cambio, a recoñecer o resultado.

Pero o contexto, tomado en conxunto, non é o mesmo. A oposición está máis debilitada que en 2019, cando Juan Guaido se autoproclamou presidente. Por outra parte, en Estados Unidos existe, neste momento, unha falta crucial de liderado, á espera do que pase nas eleccións de novembro. Washington deixou de ser, desde a chegada de Trump, unha capital previsíbel. 

O país do norte parece tan dividido como Venezuela, coa violencia tamén a flor de pel, como demostrou o último atentado. Así, coa Casa Branca a medio gas, foi o dono da rede social X, un empresario, sen ningún control, que acaba de facerse co litio arxentino e prepara a súa entrada en Ecuador, o elemento máis activo na deslexitimación da vitoria de Maduro, insultos incluídos. Venezuela conta coas maiores reservas de petróleo comprobadas do mundo e de aí, en boa medida, a súa permanente inestabilidade.

Por se fose pouco, os países occidentais con máis proxección exterior, Reino Unido e Francia, tamén atravesan momentos de división. Enfronte, Rusia e China parecen unidos e máis aliados entre si. Estes dous países, xunto co resto de Brics, contan hoxe ademais cunha presenza mundial da que carecían en 2019, o que tamén xoga a favor da revolución bolivariana.

A deslixitimación de Gobernos, por outra parte, non é unha batalla exclusiva de Venezuela. Ocorre en boa parte de Latinoamérica e tamén noutros países. Co paradoxo de que, en España, Sánchez pode acabar cuestionando a Maduro coas mesmas tácticas que usa contra el o PP.

Con todo, non se pode desprezar o poder dos Estados Unidos. O seu sistema informativo e propagandístico non ten parangón no mundo, tanto por sofisticación como por tamaño. A xerarquía e disciplina que eles marcan é seguida pola práctica totalidade dos medios occidentais. Deste modo, son capaces de encher miles de páxinas, tanto en papel como dixitais, sen facer mención ao bloqueo económico que padece Venezuela e que sen dúbida marca toda a súa política. 

De ter en conta o bloqueo, poderíase inverter o argumento da deslixitimación e dicir que Venezuela non é unha democracia, non porque Maduro non queira, senón sobre todo porque a súa cidadanía vive baixo a chantaxe exterior.

Comentarios