Por que o cambio vén pola dereita?

Vivimos un período longo de predominio da dereita, ultimamente tamén da extrema dereita. As súas ideas, aínda cando non estea no goberno, son as que levan a iniciativa na sociedade. Podemos datar o inicio desta época. Comezou coa chegada de Thatcher ao poder no Reino Unido, en 1979, e confirmouse con Reagan na presidencia de Washington a partir de 1981. Na década dos oitenta, os ferrocarrís británicos deixaron de ser puntuais e as políticas públicas comezaron a retroceder en todo Occidente, aínda que Estados como o alemán ou o francés conservaron unha importante participación nas empresas estratéxicas.

Antes, e desde a fin da II Guerra Mundial, en 1945, incluso os máis refinados liberais vían o sector público como necesario. Eu estudei nun manual de Paul Samuelson, nobel norteamericano en 1970, e non lembro que refutase o papel positivo das institucións estatais na economía.

Até 1980, en Occidente recoñecíase, por unha parte, o grande avance económico da Unión Soviética, que pasara de ser un país agrario a converterse nunha gran potencia industrial e, por outra, non se ousaba negar o papel dos comunistas na derrota do fascismo. Os parlamentos podían ser de maioría democristiá ou socialdemócrata pero case ninguén se declaraba en público anticomunista. Non parecía de bo gusto. Había ademais sindicatos e partidos fortes, en varios países occidentais, con esa ideoloxía. E, por suposto, entre a intelectualidade universitaria e no mundo da cultura eran moitas as figuras públicas que se definían marxistas.

Desde aquelas, como se sabe, a privatización constante, aínda que con certas resistencias, dos servizos públicos; a desindustrialización dos Estados Unidos e o seu traslado de fábricas a China, así como a exacerbación da economía financeira que fixo de Wall Street e da City de Londres as mecas do poder e do prestixio, convertéronse nas bases da política neoliberal que agora parece ter entrado en devalo.

A pregunta que xorde é por que, no marco da actual crise, a esquerda non recobra a iniciativa. En lugar diso, son as políticas de dereita máis extrema as que se fan populares. Sen un programa económico de reconstrución, sen unha idea clara de cómo impulsar de novo o crecemento e fronte á importancia cada vez maior de China e doutros estados líderes rexionais, á extrema dereita occidental parece abondarlle coa repetición dunhas cantas consignas, baseadas en datos falsos, para conseguir cada vez máis votos.

Son varias as razóns que explican que o "cambio" non veña por onde cabería esperar. Pero unha das fundamentais é, paréceme, a adscrición dos nosos políticos á fe anticomunista de Reagan, xunto coa proclama de Thatcher de que "a sociedade non existe". Tras varias décadas de descualificacións do "público" nos propios parlamentos e de destrución mediática dos seus símbolos, a poboación carece de recursos teóricos e dun imaxinario cultural que a defendan da nova ira. O fascismo ten varios pais, pero un deles é a destrución da memoria.

Comentarios