O postmodernismo non ten culpa

Ao entrar nunha nova época, da que polo de agora apenas distinguimos os perfís, parece oportuno revisar algunhas das ideas que até este momento nos servían de referencia, porque probabelmente xa non as interpretaremos igual. Un dos movementos que están a ser revisados é o postmodernismo, corrente que comezou na arte, que pronto se estendeu a outros ámbitos sociais e que tivo o seu apoxeo nos anos oitenta e noventa do pasado século.

O conservadorismo, chamémoslle trumpista, considera o postmodernismo unha dexeneración absurda da sociedade e, como resposta, postula un regreso a ideais anteriores. Unha parte minoritaria da esquerda vénse adherindo a esta crítica, aínda que se diferencie por completo do trumpismo noutros aspectos. Desde ambos lados fálase, por exemplo, de posmofeminismo e mesmo de posmocapitalismo. Tal crítica inclúe tamén o chamado "alarmismo ambiental" e a "trampa" ou os "excesos" migratorios. Outra forma de denominalo, quizais máis frecuente, é "ideoloxía woke", xente bondadosa, pero inxenua e extremista nalgunhas das súas ideas.

Pero que era iso que xenericamente chamabamos postmodernismo? Na arte privilexiou o pastiche e a mestura indiferenciada entre o culto e o popular. Na política relativizou o peso das ideoloxías, suprimindo a mala conciencia que até daquela producían o consumismo e o narcisismo.

Pero o postmodernismo, sobre todo o que se lle atribúe a Foucault, que non era para nada conservador, abriu novos campos de estudo como a sexualidade, a psiquiatría ou a historia das mentalidades. Levou, por dicilo así, a análise política a todos os ámbitos sociais, mesmo aos privados. Por outra parte, a súa crítica das ideoloxías tivo tamén a virtude de facilitar a superación de aquilo que correntes emancipadoras como o marxismo tiñan de anquilosado e doutrinal, ao estilo do lodo que se acumula no fondo dos encores e reduce a súa capacidade.

O problema do postmodernismo, visto hoxe, radica en que os seus críticos parecen pretender unha volta ao pasado, en lugar da súa superación ou corrección: máis disciplina nos colexios, eliminación da discriminación positiva, exaltación da familia como principal célula social, regreso ao canon literario e artístico, etc.

Máis alá da simpatía ou antipatía que nos suscite cada un destes puntos, o problema é que ningún deles resolve os desafíos actuais. A crítica do postmodernismo non pode provir da nostalxia, do falso recordo dunha sociedade que no fondo era aínda máis inxusta e conflitiva que a actual. Desde a esquerda, tampouco se acaba todo con volver falar da clase traballadora das fábricas, porque os espazos e as contradicións mudaron.

A descontaminación, a liberdade persoal e, sobre todo, a culminación a nivel mundial do proceso descolonizador serían, en cambio, parte da solución á crise do presente. A revolta máis necesaria non é contra o postmodernismo, senón contra este neoliberalismo desencadeado e belicoso que defenden tanto Trump como os principais líderes europeos.

Comentarios