Pódese ser tradicional e progresista ao tempo?

X.A. Durán, R. Máiz e X. Beramendi, entre outros, intentaron establecer unha liña divisoria do pensamento de Castelao, entre un conservadorismo inicial e a postura netamente progresista que mantivo no tempo da Fronte Popular. Este último período, o máis intenso, sería, segundo eles, o que permitiu que se convertese nun referente.

A min sempre me resultou estraña, con todo, esta interpretación. David Rodríguez, no seu último ensaio, Liberdades antigas, tempos modernos: O republicanismo de Castelao, recente premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, vén de corrixila cun enfoque máis orgánico e menos mimético.

O republicanismo de Castelao, ao que alude Rodríguez, non sería o da II República, senón máis ben o da primeira, achegado ás teses de Pi i Margall e sustentado nun republicanismo antigo, con base nos pobos e nos antigos reinos e que antepón a comunidade aos dereitos individuais.

Castelao, nas súas propias palabras, declárase valedor da tradición, pero non para restaurala, senón para construír unha nova tradición sobre a vella. Dentro dese marco, David Rodríguez penetra nas raíces do romanticismo progresista que se confronta cos postulados abstractos da Ilustración e coas Constitucións virtuosas pero baleiras de pobo, inútiles para o contexto no que van ser aplicadas.

Que ten de interesante e que ten de actual esta análise? Probabelmente a de casar moi ben coa necesidade de recuperar os valores comunitarios en todo o mundo, despois dun neoliberalismo que destrúe a sociedade, como soubo ver e aplicar Margaret Thatcher, que exacerba o individualismo, que tolera, como única ágora colectiva, o centro comercial, e que finalmente substitúe o humanismo polo consumismo, unha especie de adicción frustrante.

Desaparecido o socialismo, tal e como se entendía sobre todo a comezos do século pasado, é dicir como utopía que transcende o período dunha vida humana, as sociedades buscan outros modos de mitigar o non sens existencial e de recompor os mecanismos solidarios. A relixión foi a forma básica, pero tamén certos elementos tradicionais. Todos eles crean lazos de colaboración e unen os pobos.

Tradición e relixión poden adquirir, por suposto, valores diferentes e mesmo contrapostos. A tradición arábiga, a respecto da muller, é condenábel. Hai que ter en conta que varias das correntes fundamentalistas actuais, caso do chamado Estado Islámico, son modernas e en certa medida impostoras, en comparación cun mundo musulmán que tendeu a evolucionar, máis ou menos, á par dos tempos.

Comprender o papel positivo que pode ter a tradición aínda en certos lugares non significa impugnar os valores cívicos occidentais implantados, non o esquezamos, despois de custosas revolucións, como a francesa. Pero Occidente deu en ignorar desde moi pronto o sentido democrático no que se fundamenta, primeiro exercendo unha hipócrita política colonial (liberdade de portas para dentro e escravitude para fóra), até caer, nas últimas décadas, nunha deriva plutocrática, a dos gobernantes que non se elixen (quen elixe os membros da Comisión Europea?) ou que só se elixen entre os millonarios (EEUU).

O chamado Occidente é aínda capaz de sobrevivir a esta situación, aínda que cada vez en peores condicións, porque a súa renda per cápita compensa a ausencia de ideas e de vínculos sociais. O ser humano occidental está conforme, aínda que baleiro, mentres consume.

O sur global carece dese engado. Cando hai incluso necesidades básicas, como as médicas, alimentarias ou educativas, os lazos comunitarios serven de paliativo. O liberalismo convértese nunha abstracción, nun vestido bonito sobre un corpo magro. Na hora da verdade, a vella máxima de que "a cidade fixo os homes libres" só é válida nas metrópoles.

A idea de impoñer un modelo único, por ben intencionada que fose, comete o erro de ignorar o lugar e o tempo no que se aplica. O universalismo deixa de ser un humanismo para converterse nunha forma disimulada de hexemonía.