A morte do posmodernismo crítico

En 1996, hai agora trinta anos, dábase a coñecer A broma infinita, unha longa novela de mil páxinas, con 150 máis de notas. O seu autor, David Foster Wallace, suicidaríase en 2008, cando aínda non chegara a facer o medio século de vida. A broma infinita pronto foi escollida como obra emblemática do posmodernismo literario. Algúns anos despois, en 2000, Mark Z. Danielewsky publicou Casa de follas, que pronto se converteu tamén en obra de culto. Cos seus cambios tipográficos e palabras e incluso páxinas enteiras tachadas, aínda que lexíbeis, A casa de follas foi quizais un dos últimos grandes exemplos da corrente posmoderna.

As dúas novelas encaixan nun período definido polo relativismo, a ironía e a erudición. A súa vontade all over, de abarcalo todo, define un estilo baseado en descricións pormenorizadas, ao tempo que o seu espírito reflicte o desencanto finisecular, o fin dunha época marcada polas ideoloxías fortes e a mobilización de masas. O relativismo posmoderno é o resultado estético dun período no que a cidadanía occidental perdeu a fe.

O posmodernismo crítico, no que se debe enmarcar David F. Wallace, ofrece unha visión anticapitalista que, non obstante, non cre na revolución. O que queda é a ironía, a capacidade para ver os feitos desde varias caras e o desexo de marcar o ritmo a través dos detalles. De aí esa proliferación de notas, que lonxe de ser mera documentación, forma parte da alma literaria do texto.

Lembrei esta tendencia posmoderna ao ler estes días Notas ao pé de páxina, a última obra de Xurxo Estévez, activista, escritor, de vida itinerante e puntualmente artista conceptual. O fío narrativo cabalga de nota en nota, facendo un uso abundante da sátira e do humor, nunha liña que tamén o emparenta con Darío Fo.

Estamos, nestas obras, ante un mundo difícil de comprender e mesmo de abarcar ao que non desexamos subscribirnos, pero no que non queda máis remedio que vivir. A cuestión que agora se formula é a de que este espírito, formado a finais do século XX, xa non existe ou está en vías de desaparición. Podemos entender así a obra de Xurxo Estévez como unha secuela.

O mundo cambiou neste novo século. O equivalente ás notas podemos encontralo facilmente na IA e o escepticismo xa non ten sentido ante o horror que vemos de novo. Unha narración irónica podería ser entendida como unha visión frívola, e polo tanto irresponsábel, da realidade. O posmodernismo, mesmo o que é profundamente crítico, está morto.

Que tendencia literaria será a que veña substituílo? Tal vez a teñamos xa aquí, en novelas como Distancia de rescate, da arxentina Samanta Schweblin ou en Contos gringos de Lara Dopazo, obras marcadas polas pestes e os fenómenos naturais inesperados, e ambas, non quizais casualmente, escritas por mulleres.

Como se fabulará nun mundo marcado pola illa de Epstein e por unha Gaza onde máis do 20% dos nenos están mutilados? Que metáforas e que xéneros encontrarán os escritores: o drama, a traxedia, o humor corrosivo?

Comentarios