A mafia senta á mesa

"La mafia se sienta a la mesa" é unha franquía dedicada á restauración, nacida en Zaragoza hai algo máis de vinte anos e que conta con máis de 60 restaurantes en funcionamento. En Galiza, abriu dous, na Coruña e Vigo. Actualmente está en fase de expansión. Os seus directivos esperan superar os cen establecementos no 2028. No cálculo máis optimista poderían chegar aos 160, todos na península, incluída Portugal. A empresa é dona tamén de varias filiais que seguen unha liña gastronómica parecida, aínda que con pequenas variantes, tratando de captar novos públicos. O nome, "La mafia se sienta a la mesa", causou polémica. En 2015, Italia denunciouno ante a UE, co argumento de que frivolizaba a violencia, pero a empresa argumentou que só pretendía destacar o hábito de comer en familia.

Vivimos unha época na que se confunden a política, o negocio e o espectáculo. Unha tendencia que non naceu agora. Despois da estrea de O Padriño, os mafiosos de New Jersey e Brooklyn comezaron a imitar os hábitos de Brando e dos outros actores da película, incluídos algúns costumes italianos que xa se perderan entre a mafia real, que era italiana pero xa de terceira ou cuarta xeración.

Trump tivo hai anos un programa propio de televisión. Os seus críticos recoñecen que domina o medio. Sería un bo chef de "La mafia se sienta a la mesa", tal vez unha especie de Gandolfini de Os Soprano, algo pasado de voltas, de cute arrubiado e un pouco histriónico. Nada é casual. Nun mundo no que hai demasiados medios de comunicación, demasiado ruído, non é fácil conseguir que estean sempre pendentes de ti. Trump logrouno, por agora.

Poderiamos definir a Trump como o capo di tutti capi. E non é necesario nomear os capos menores, aínda que Milei sería un bo exemplo. Outros están aínda a aprender o papel. A algún, como Feixoo, cústalle memorizar as súas frases e sempre parece pendente do que lle escriben.

Necesitamos novas expresións para interpretar os novos tempos. O fascismo dirixíase á sociedade desde un Estado forte e vestía de uniforme. O cacique paternalista, coñecido no sur de América, en Galiza e en todas as sociedades, maiormente campesiñas, apartadas do corazón do poder, é un home autoritario, que exerce de intermediario, pero que non desatende as necesidades dos veciños.

O Trump que estamos vendo é diferente. É o capo di capi que non coñece regras, nin do Estado nin outras, que as pode cambiar cada día, que só o move o beneficio inmediato, aínda que lle custe enfrontarse a algúns dos que o apoiaban. É o capo descarado, cínico e presuntuoso que non soporta nin que lle discutan a calidade do seu traxe.

En Galiza, os tempos parecen mudar no mesmo sentido. Daquel cacique galego coma ti, a un PP que comeza a mostrar a pata da ameaza. Pero as novas correntes nunca saen da nada. Aí estaban Marcial Dorado e Pablo Vioque, aquel avogado de Vilagarcía, defensor de narcos e narco el mesmo, bo amigo de Don Manuel. A mafia comeza a ocupar a mesa. Incluída a mesa dos parlamentos.

Comentarios