A identidade galega en cuestión

Na última novela de Diego Alfonsín, Birken, aparece un personaxe, o propio Birken, que se pregunta pola pertinencia de identidades como a galega. Outro personaxe, máis secundario, Laura, cuestiona directamente os discursos nos que a identidade é o valor primordial.

Non son habituais entre nós este tipo de formulacións. A propia escolla de escribir en galego parece marcar a orientación da obra. Poucas críticas internas dentro do propio sistema literario. O español, infinitamente máis poderoso, tampouco as consinte, poderiamos argüír. De Blanco White a Juan Goytisolo, quen discrepa ou fai demasiadas preguntas é condenado ás marxes. Con todo, esta resposta non parece suficiente.

Birken di que lle gustaría escribir como Thomas Bernhard. É unha referencia intencionada, non só polo tocante ao estilo, senón tamén pola postura que mantivo o autor austríaco ao longo da súa vida. Critico feroz da súa cidade, Salzburgo, e da mentalidade austríaca maioritaria, hoxe é considerado, porén, un dos escritores nacionais máis relevantes.

Creo que o debate sobre a identidade debería estar aberto, mesmo dentro do noso propio sistema literario. E por que abrirnos á polémica dese modo? Porque é un debate que está aí, co que nos encontramos todos os días. Non reflexionar sobre el, desde os máis diversos ángulos, non nos enriquece, nin reforza. Como escribiu Slavoj Zizec: son os nosos conflitos os que nos fan universais.

Hai dúas tendencias que cuestionan a identidade galega. A primeira, a universalista. Todos somos, certamente, cidadáns do mundo. É unha verdade que se asenta fundamentalmente na razón, pero que, á hora de ser aplicada, topa coa evidencia de que todos somos ou queremos ser dalgunha parte. E esa identidade que escollemos ou que nos escolle acostuma estar condicionada non só por unha elección libre, senón polos xogos de poder. Na identidade, como na lingua, case sempre domina quen ten o exército máis grande. A ilusión esperantista foi derrotada por un inglés hoxe globalizado.

Pero o universalismo non é unha tendencia que se faga ver moito máis alá da teoría. A nosa identidade galega é cuestionada, e ás veces anulada, nomeadamente pola española. En teoría existe recoñecemento e convivencia entre as dúas, pero sabemos que non é real. "A igualdade entre o boi e o león é opresión", escribiu o poeta William Blake.

E aquí xogan un gran papel, non só os diferentes resortes de poder, senón tamén os mitos. O mito é a historia adaptada á nosa concepción humana da realidade. A maioría dos cidadáns do Estado séntense españois, en resume de contas, por Hernán Cortés, o gol de Iniesta ou a poesía de Lorca.

Quen, antes que mitificar, prefira deconstruír, como Birken, é necesario que o faga, pero quizais poida ter en conta que as realidades diferentes á nosa tamén recorren á idealización, mesmo en maior medida e con máis intensidade. Hai un libro moi útil ao respecto: A invención do pasado. Verdade e ficción na historia de España, de Miguel-Anxo Murado.

Comentarios