Horizontalidade

Horizontalidade. Unha palabra que tal vez debamos incorporar pronto ao noso vocabulario político. Ignacio Sánchez Cuenca escribía hai poucos días en El País: "A verticalidade do vínculo representativo está en cuestión. Moita xente non quere que os partidos lles digan o que teñen que pensar ou facer, nin que os medios fixen os temas de debate". Segundo este profesor, próximo nalgún momento a Sumar, estamos achegándonos a unha representación "completamente horizontal, na que o representante está ao servizo dos impulsos inmediatos da cidadanía".

Hai moita tea que cortar nestas palabras. Intentemos ser o máis directos posíbel. A horizontalidade nace coa internet. É dicir, coa comunicación constante entre os propios cidadáns, sen editores e sen medios de referencia. Deixemos, polo de agora, a un lado o uso condicionante do algoritmo. Aos encargados de transmitir as mensaxes á opinión pública nunca lles gustou a internet. Medios como El País perderon algo da súa capacidade para orientar os electores. Non se entendería o veloz crecemento de Podemos, no seu día, sen as redes sociais. Pero a ultradereita aprendeu rápido. Por onde circulan as ideas tamén pode circular o lodo.

Fagamos, non obstante, un pouco de historia. Os grandes cambios case sempre gardaron relación con algún avance na forma de comunicar. As noventa e cinco teses de Lutero chegaron a decenas de miles de persoas grazas á invención da imprenta. Antes de Lutero houbo outros con ideas parecidas, pero non contaban coa letra impresa para difundir a súa mensaxe. A Reforma débelle moito a Gutemberg. A revolución francesa débelle tamén moito aos cabalos de postas que permitían que as noticias circulasen con rapidez. Os barcos franceses que chegaban á península ibérica eran revisados en busca de panfletos revolucionarios. A Igrexa xa non podía controlalo todo.

Hoxe estamos en medio dunha loita polo control das redes sociais, pero non hai dúbida de que son elas as que cambiaron as relacións, as que provocaron esa horizontalidade que inquieta a Sánchez Cuenca e que a moitos lles activa a nostalxia pola vella orde.

Vaiamos agora á raíz. Non é a democracia acaso un avance, no sentido horizontal, fronte a aristocracia e as xerarquías do antigo réxime? Non é o sufraxio universal, que tanto custou conseguir, unha forma, ben que puntual, de horizontalidade? Certo que as redes son ambivalentes, poden ser manipuladas; abofé que fascistas sen escrúpulos encontraron nelas un lugar de operacións; é verdade que poden provocar efectos negativos na sociedade, pero todo iso xa pasaba antes da internet.

Horizontais e ambivalentes. Hoxe a vitoria moral dos palestinos débese en boa parte a que, coas súas cámaras e en quince segundos, nos contan unha historia. Son precisamente os contrarios a que haxa máis democracia os que non queren que os graven. Non son as redes, senón a súa restrición, o tema sobre o que deberiamos debater. Quizais é o momento de esixir redes máis transparentes, máis horizontais.

Comentarios