Francisco Carballo, estranxeiro na súa patria
"E stranxeira na súa patria" é o título dun poema de Rosalía. Un título que fixo fortuna. Foi citado e mesmo reutilizado en non poucos libros e artigos.
A revista Terra e tempo dedica o seu último número a Francisco Carballo, con motivo do centenario do seu nacemento. Carballo foi un crego nacionalista, creador de practicamente unha escola de historiadores e historiador el mesmo. Un home que pensaba que investigar, sen divulgar, servía para pouco, de aí que, ao longo de máis de trinta anos, fose tamén un dos principais impulsores do periódico e da editorial A Nosa Terra. Foi tamén candidato nacionalista, profesor e conferenciante de estilo pedagóxico, con argumentos ben informados.
Francisco Carballo era, sen dúbida, unha persoa intelixente, de amizades extensas, nada proclive ao sectarismo e si a escoitar e a tratar de entender todas as ideas.
Mais, vexamos agora o que opina, en Terra e Tempo, unha das súas sobriñas, Milagros Calvo Carballo. "A súa talla intelectual e integridade moral foron sempre un exemplo para a familia. Aínda que non o comprendesen, aínda que a algún non lle gustase que fose 'un marxista revolucionario nacionalista que se dedicou á política' sempre gozou do respecto, do cariño e da lealdade da familia". Tomemos nota desta frase: "Aínda que non o comprendesen", e desta outra: "Un marxista revolucionario nacionalista que se dedicou á política". A pesar de todos os argumentos positivos, el tampouco se librou da incomprensión, do estigma.
Pola súa parte, e na mesma revista, Bieito Seara, que foi alcalde de Maceda, terra de nacemento de Francisco Carballo, afirma que alí "é un gran descoñecido", salvo "no contorno familiar e político". Estranxeiro na súa patria.
Polas súas capacidades, puido ter sido bispo, el mesmo o recoñeceu, ou un competente presidente da Xunta. Non obstante, pouco mencionou nunca o seu nome a prensa, pouco a Igrexa, pouco a facultade de Historia. Malia ter mostrado, numerosas veces, a súa vocación ecuménica, Carballo recibiu e recibe o tratamento público e institucional dun outsider, un forasteiro, estranxeiro na súa terra.
Sobre persoas como Carballo permanece un veo de discreto silencio. Pero non todas as persoas da cultura, da política ou da ciencia, que simpatizaron co galeguismo, padeceron as consecuencias dese veo coa mesma intensidade. O veo é máis tupido cando se dan dúas condicións: unha vontade divulgativa e un elo organizativo. El cumpría as dúas condicións. Repugnábanlle as torres de marfil.
Carballo sabía que en Galiza había pobo, unha sociedade activa e creadora, pero tamén que mil persoas, en lugares clave, eran suficientes para provocar un curtocircuíto entre esa sociedade e quen podía representala directamente. A TVG é o exemplo visíbel neste momento. Un cárcere catódico que trata a maioría do país como forasteira.