Forman parte Lugo e Ourense da España baleirada?

En 2016, Sergio del Molino publicaba La España vacía. A súa idea e o propio título lograron moi pronto unha grande acollida. Voces máis críticas converteron despois esa España "vacía" en España "vaciada". O que suscitou de contado a pregunta de quen a baleirou. Por suposto, tratábase de Madrid, o centro de succión urbana máis importante, aínda que non estaba só. Zaragoza, por exemplo, absorbía boa parte do Aragón que non emigrara á capital española.

En todo caso, as dúas Castelas parecían ser as vítimas ás que máis directamente aludía o slogan de Sergio del Molino. 
Esta idea xeopolítica, aplicada ao Estado español, deu lugar, sobre todo en redes, a aparición de diversos mapas. Algúns dos cales comezaron a incluír, nesa España baleira, as provincias de Lugo e Ourense.

Outros mapas, en cambio, exclúen as nosas dúas provincias, ao ter en conta a densidade de poboación. Lembremos que Lugo ten 33 habitantes por quilómetro cadrado e Ourense 42, fronte aos 11,6 de Cuenca, por exemplo, ou os 9,2 de Soria. A diferenza é significativa.

Pero atendendo a esa xeopolítica, hoxe tan de moda, temos que dicir que Lugo e Ourense non se poden incluír nesa España baleira, por razóns que van moito máis alá da densidade de poboación, aínda que estean relacionadas con ela.

Imaxinemos un país independente coas características de Ourense e Lugo (e poderiamos xuntarlle, sen excesivos problemas, boa parte do interior da Coruña e Pontevedra). Ese país podería sobrevivir por si só, aínda que loxicamente vise reducido o seu nivel de vida. Contaría con fontes de enerxía e unha base alimentaria suficientes e mesmo posuiría algunhas industrias. Tamén contaría con algúns centros de investigación e unha notábel coherencia cultural, histórica e lingüística. De tal modo que tal Estado imaxinario podería soster unha sociedade viábel e mesmo realizar intercambios económicos con outros países. 

Non se pode dicir o mesmo, creo, da maioría da España baleira á que aludía Del Molino. Dadas as súas condicións climáticas, o tipo de asentamento no territorio, os seus cultivos e outras fontes de produción, esas provincias estarían incapacitadas para constituír un país. Serían de feito unha parte amputada, como unhas extremidades sen cabeza e sen varios órganos vitais.
Comparemos brevemente o caso co de Portugal. Tamén o interior portugués sofre un baleiro, pero non das dimensións do español e menor incluso que o galego. As vilas portuguesas seguen tendo, mal que ben, certa vida propia; as tradicións continúan a súa secuencia evolutiva e, en parte, conservan 
a produción. 
A Galiza baleira segue o camiño de Castela, pero resiste mellor ca ela, debido ás súas propias condicións territoriais, económicas e históricas. E resiste peor que Portugal, porque carece dun goberno que a dirixa en consonancia con esas características. 

Comentarios