Fanon vive, Baudrillard morre
Encóntrome, nos últimos tempos, con varias mencións e referencias a Frantz Fanon. Moitas máis que a outros sociólogos da súa época, como Jean Baudrillard. Ambos eran de lingua e cultura francesa. Fanon nacera en 1925, Baudrillard en 1929. Pertencen, polo tanto, á mesma xeración. Pero que diferentes son as súas obras! Fanon non puido escribir moito, dado que morreu aos 36 anos. Baudrillard durou até os 77. Creo que, a día de hoxe, ten certo interese comparalos.
Nos anos sesenta, cando a cultura francesa aínda marcaba a pauta, ambos situáronse na vangarda do pensamento social, pero desde extremos moi distintos. Fanon, nacido na Martinica, era un dos referentes do anticolonialismo. E non só do anticolonialismo como posición política, senón tamén como método para analizar a tendencia do colonizado a asumir como propias as ideas da "cultura superior".
Baudrillard movíase noutro ámbito, quizais, como veremos, non tan desconectado. O seu era un discurso conceptual e abstracto, que gustaba de impresionar o lector con paradoxos e afirmacións efectistas. A realidade, segundo Baudrillard, deixou de existir ou, cando menos, de ter influencia sobre as persoas. A súa teoría, polo tanto, oponse radicalmente a Marx. Na súa obra principal, "O intercambio simbólico e a morte", fala do fin da produción e usa repetidamente a palabra "simulacro". A vida que levamos, di, é o terreo da aparencia. Pero lonxe de ver isto cun sentido crítico, como fixera antes outro francés, Guy Debord, en Baudrillard non se albisca apenas esa perspectiva impugnadora. O seu afán é librarnos tanto de Marx como de Freud. Deberíamos aceptar que a realidade non é xa máis que un conxunto de signos. Nin o corpo humano se salva. Todo é fantasmal e deshistorificado.
Por que lembrar todo isto hoxe? Quizais porque Baudrillard forma parte dese ensarillado, sociolóxico e político, que poderiamos definir coa expresión "no future" ou "o fin da historia" ou, lembrando a Fernández de la Mora, El crespúsculo de las ideologías. Por iso Baudrillard segue aínda aí, pero como cadáver innecesario. O liberalismo ou neoliberalismo, sistema no que el, aínda obviándoo, estaba inserido, xa non simula, senón que se volveu fascista.
Frantz Fanon é un dos precursores doutra corrente, á que hoxe chamamos "decolonial". O suxeito motor da súa principal obra, Os condenados da terra, é o terceiro mundo ou "sur global". O prólogo, escrito por Jean Paul Sartre, comeza cunha ironía: "Non hai moito, a Terra estaba poboada por dous mil millóns de habitantes, é dicir, 500 millóns de homes e 1.500 millóns de indíxenas” (hoxe fálase dos "mil millóns de ouro" occidentais, fronte aos sete mil millóns que viven no resto do mundo). Sartre diríxese a nós, os europeos, e dinos: "Abran este libro, penetren nel […]. Teñan o valor de lelo, porque lles causará vergoña, pero a vergoña, como dixo Marx, é un sentimento revolucionario".
O colonialismo e o eurocentrismo seguen a ser hoxe a pedra de toque das esquerdas occidentais.