Existe un conservadorismo bo?
Existe actualmente un conservadorismo bo que ofrecer á sociedade, un conservadorismo co cal os progresistas deban dialogar ou mesmo dar apoio en determinados casos? A pregunta é importante porque respondela positivamente podería servir para ir máis alá da política de bloques e dun choque social previsíbel.
Cabe dicir que quizais, de haber hoxe ese conservadorismo, onde mellor se pode recoñecer é en Rusia e mesmo en China, posto que o que tal se denomina en Occidente, cando menos a maioría, ou é fascista ou é depredador ou ambas cousas ao tempo.
Os actuais valores rusos podémolos sintetizar así: defensa da orde, da seguridade e incluso da limpeza: os dirixentes locais están orgullosos de que nas súas cidades non haxa graffitis. En segundo lugar, a salvagarda das tradicións, o que inclúe tanto as comunidade étnicas que historicamente xa eran respectadas, como a relixión (en China ese espazo ocuparíao Confucio, un pensador do século V a.c.), e a familia. A este respecto hai que dicir que unha das prioridades do goberno ruso é aumentar a poboación dun país enorme que ademais sufriu graves perdas bélicas. O terceiro valor é a xustiza social: ninguén pode quedar desatendido e, en caso de necesidade, o responsábel é o Estado, quen tamén debe preocuparse de que non aumenten en exceso as desigualdades.
En Occidente quen mellor reflicte a ética conservadora, moi debilitada pola anomia dos consorcios económicos, é talvez, e en sintonía coa Igrexa, un dos seus máis célebres actores e directores de cine: Clint Eastwood. En As pontes de Madison salva a continuidade do matrimonio, fronte á comprensíbel atracción dunha terceira persoa; en Mula interpreta un veterano transportista de droga que ao final acepta a súa culpa e, en Sen perdón, encarna un antigo asasino e bebedor, reformado grazas á súa muller. En declaracións públicas, Eastwood explicou tamén que un dos seus principios era o de que unha persoa non debía gastar máis do que ten, o que vai en contra dunha das prácticas norteamericanas máis estendidas, o crédito.
Segundo Eastwood, a lei debe acabar impoñéndose, pero sen deixar de entender as diferentes circunstancias polas que poden pasar as persoas. Non existen, para el, os malvados absolutos ou as persoas malas en virtude da súa raza, como argúe moitas veces a extrema dereita. Eastwood, igual que o goberno ruso, non defende tampouco o feminismo, pero si o respecto ás mulleres, ás que non deixa de recoñecer un papel destacado, ás veces máis importante que o do home.
En China e en Rusia, por outra parte, tamén se maximizan beneficios, tamén existe un positivismo económico, parecido ao de Occidente, pero o empresario debe contar con que ten por riba un Estado que trata de combinar a modernización, mesmo recorrendo a instrumentos capitalistas, co ben común. A meta final é a sociedade tomada no seu conxunto, fronte á postura predominante en Occidente que prima o individuo por riba da comunidade. Podemos ou debemos aprender nós algo de todo isto?