A crise do Estado de dereito

Por que a defensa do Estado de dereito e a crítica da violencia se converteron nunha arma moi usada contra a esquerda e contra o sur global? Por que ocorre isto cando estes dous principios son, en teoría, asumidos por todos?

En primeiro lugar hai que dicir que a dereita, ou os partidos corporativos en xeral, téñense apoderado, sobre todo a través dos medios, de ambos os preceptos. Poderiamos dicir que os teñen secuestrados ou que os subtraen do debate democrático. De que modo? Pois tanto suprimindo o contexto, xulgando casos illados, como ocultando unha parte da realidade. É esta a forma de que os poidan utilizar ao seu gusto e de forma arbitraria.

Fálase dos secuestrados por Hamás, pero case nunca dos máis de trescentos nenos encarcerados en Israel, durante parte da infancia, toda a adolescencia e parte tamén da mocidade. Fálase de Nicaragua e do seu presidente presuntamente autócrata, pero non do Perú, onde o líder electo, Pedro Castillo, foi destituído polo Congreso sen que se acadasen os votos de 104 deputados que esixe a lei. O motivo probábel é que Castillo non se aviña aos intereses da oligarquía. Fálase das actas en Venezuela, pero non do bloqueo selectivo e moi daniño que sofre o país a través de normas ditadas polo Tesouro norteamericano e de múltiples sancións de Washington que encarecen a compra de alimentos e repostos. O problema das actas oculta ademais o hackeo informático ao centro nacional de datos, co que se pretendía lexitimar un golpe. Non o lograron, pero unha parte das actas probabelmente se perdeu, o que sementou as dúbidas que inclinaron a moitos a favor das teses opositoras, moi amplificadas despois polos medios.

Exemplos coma estes danse en case todas as partes e en todo tipo de situacións. Algúns xuíces falaron de "golpismo" catalán en 2017, unha palabra pouco apropiada para o caso. Pero poucos lembran que a reforma do Estatuto, referendada polos parlamentos catalán e español, foi anulada polo Constitucional, dun modo sorprendente nunha democracia. O actual xuízo ao fiscal xeral, García Ortiz, non resulta menos anómalo.

Un dos casos máis tristes é o de Libia, o país máis florecente de África, levado ao caos polos bombardeos da OTAN en 2011. Un caos que continúa. É admisíbel que Occidente, pai da idea de Estado de dereito, desestabilice e destrúa países dese modo? Outra nación árabe, Siria, está a ser gobernada actualmente, grazas ao apoio occidental, por un líder que os EUA cualificaban de terrorista hai pouco máis dun ano. Ofrecía dez millóns de dólares pola súa cabeza.

Defender o Estado de dereito e a non violencia é importante, para que o descontrol e o caos non se estendan. Pero é inadmisíbel o uso da lei de forma tan discriminatoria, dándolle así a razón ao marxismo cando lle atribúe ao Estado un sentido clasista que o perverte desde a raíz.

Estamos quizais ante algo tan escandaloso que nos debería facer pensar xa na necesidade de refundir as bases da democracia. A idea de Montesquieu precisa dun reinicio.

Comentarios