Unha bomba tamén política?

Rueda e o seu equipo comezan a estar nerviosos. As críticas a Altri xa se deixan sentir noutras partes do Estado e incluso comezan a oírse en Bruxelas. Non estaba previsto. O diario La Vanguardia publica unha ampla reportaxe con fontes moi críticas sobre a macrocelulosa. Ningunha delas procede de Galiza. Ninguén poderá dicir que detrás se encontra a man longa dos nacionalistas. Algúns pensan xa que a Xunta se involucrou demasiado publicamente.

Xosé Blanco, cuxa última profesión coñecida é a de lobbista, tampouco parece estar influíndo o suficiente no seu partido. O PSOE dá sinais, tanto en Madrid como en Bruxelas, de non querer involucrarse neste "asunto sucio". Algúns alcaldes rurais do PP comezan a murmurar: "Isto con Fraga non pasaría".

Arredor do presidente da Xunta xorden sospeitas e rumores sobre documentos asinados pero non públicos e sobre unha coalición de empresas moi interesadas en que o proxecto saia adiante (ver o artigo de Pedro Alonso Iglesias neste diario). Un ruxe-ruxe que non favorece o proxecto. Ence, pola súa parte, mantén silencio, como se non fose con ela.

Ence, precisamente, é a única celulosa instalada até agora en Galiza. Comezou a traballar en 1962. O seu historial polémico e os seus efectos sobre a masa arbórea son ben coñecidos. Pero houbo máis tentativas: Rois en 1974, Toén en 1975, Quiroga en 1976 ou O Barco, entre outras. As protestas veciñais, sempre masivas e unánimes, provocaron, un tras outro, o descarte de todos os proxectos. Agora, co turismo e a axenda ecolóxica de por medio, o momento non parece, desde logo, mellor. En Galiza, ademais, existe aínda un forte apego ao territorio. Terras produtivas (se a crise se agrava poden volver ser útiles), ríos, paisaxe. Isto non é un deserto. A urbanización é real, pero o afecto ao territorio continúa moi vivo.

No PP non todo é extractivismo, tamén hai analistas. Algúns deles comezan a pensar que Altri pode ser a carta que necesite a oposición para ganar. Mobiliza os dubidosos e une unha esquerda diversa tras un lema común. O BNG sería o gran beneficiado, pero necesita o aval do PSOE en Madrid. Altri, primeiro paso dun pacto a maior escala? Polo de agora é só unha hipótese, pero estes tempos cambiantes dan para todo. En Madrid, un partido socialista, xusto de apoios, quizais estea interesado, por fin, en descabalgar o PP en Galiza.

O PSOE sempre foi o centro dun campo de forzas. É a súa calidade e o seu defecto. Avanza sempre na dirección en que é impulsado polos demais e só avanza de existir esa presión. Converteuse no principal factor de equilibrio da democracia española, pero tamén na condición de que esta se manteña estática, ancorada no proxecto do 78.

Para Europa e para o mundo veñen grandes cambios. Quizais a ambición dos mentores de Altri só se explique dentro deste momento de inseguridade dos grandes capitais. Para o nacionalismo podería ser unha oportunidade. Territorial é o título dunha das últimas series de Netflix. Ten bos datos de audiencia.

Comentarios