Algo se move na historiografía
Afirmaba hai uns días Pilar García Negro, neste diario, que algo se está a mover na nosa historiografía e citaba, como exemplo, os últimos ensaios de Francisco Rodríguez e Carlos Callón, situados varios deles, non todos, na Idade Media. García Negro define este cambio como nacionalización da nosa historia e cultura. Podería falarse tamén de estudos con orientación patriótica.
A conversión da historia universal en historia nacional é unha das grandes realizacións do liberalismo europeo, dicía Villares en 1997, en Figras da nación. Tal corrente involucrou tamén aquelas historias dos pobos que non chegaron a dispor de Estado.
Esta vontade que se aplica a si mesmo o historiador suscita debate, porque parece contaminar o que entendemos por asepsia científica. Pero hai xa unha primeira resposta a iso. Sen estudosos que se preocupasen pola nosa identidade e que mesmo tivesen o afán de reivindicala, a historiografía galega, tanto do século XIX como do XX, sería pouco máis que un ermo. Lembremos aínda que sen os dous artigos que publicou Camilo Nogueira sobre o Reino de Galiza, en A Trabe de Ouro (1996, 1998), e que desataron un longo ronsel de investigacións, hoxe probabelmente seguiriamos a saber demasiado pouco sobre a materia.
Certo que existían algunhas boas monografías sobre a Idade Media ou a Idade Moderna, realizadas desde había tempo ao amparo da universidade. Podemos citar os traballos, por exemplo, de Ofelia Rey Castelao. Traballos ben documentados pero que, sospeitosamente, tenden a non superar nunca a súa escala sectorial ou local.
Se non hai institucións realmente autónomas tampouco existen investigacións que superen o estilo “forense”, en expresión de Manuel Ferreiro, que García Negro cita. Xa sucedía, de modo aínda máis acentuado, no franquismo, cando do baile tradicional ou da lírica e do conto campesiño, que se admitían en galego, nunca se escalaba a unha cultura diferenciada, nunca se admitía que esas partes correspondían a un todo e que sen ese todo simplemente non existirían.
Aquilo que, en diferentes momentos e parcialmente, se permite estudar e que mesmo se apoia con premios ou declaracións protocolarias, é o residuo ou a ruína dun mundo descabezado, do mesmo modo que os célebres encaixes de Camariñas son, como explicou Xoán Carmona, os restos aínda vivos dunha estendida proto-industria do liño.
Le Goff, ao final de A orde da memoria, dinos con claridade que a intervención do historiador que escolle un documento sempre está mediada pola súa intención e pola súa posición na época.
Posto que, ademais, a historia non podemos vivila de novo, temos que asumir que esta ciencia non existe sen interpretación, sen un cosido que ordene unha serie de datos illados, pero tamén vinculados por fíos máis ou menos tenues. Ese cosido debe ser pertinente e empregar o máximo de fontes posíbeis. Sempre recordando, como escribiu Paul Zumthor, citado por Le Goff, que o que cambia o documento en monumento é a súa utilización polo poder.