Opinión

As virxes e a saída da crise

Hoxe toca falar de política de altura, é dicir, de política divina. O goberno do PP está a poñer todos os medios posíbeis para saír da crise, incluída a petición de axuda a deuses, santos, apóstolo Santiago ou Santa Teresa. E ultimamente está centrando o seu traballo en solicitar o auxilio de numerosas virxes.

Hoxe toca falar de política de altura, é dicir, de política divina. O goberno do PP está a poñer todos os medios posíbeis para saír da crise, incluída a petición de axuda a deuses, santos, apóstolo Santiago ou Santa Teresa. E ultimamente está centrando o seu traballo en solicitar o auxilio de numerosas virxes.

"O entusiasmo do ministro de Interior Jorge Fernández por condecorar ás virxes vai en aumento e en febreiro de 2014 concedía a máis alta distinción, a Medalla de Ouro ao Mérito Policial, a Nosa Señora María Santísima do Amor de Málaga" 

Dentro desta estratexia, perfectamente planificada para conseguir o favor divino, ocupa un lugar primordial a concesión de distincións honoríficas. O Goberno de Rajoy concedía en 2012 a Gran Cruz da Orde do Mérito Civil á Virxe do Pilar. O concello de Prado del Rey (Cádiz), con alcalde do PP, nomeaba Alcaldesa Perpetua da localidade á Virxe do Carme, que se queimou en 1934 durante a 2ª República. Aprobouse no Pleno municipal de outubro de 2013 (votos a favor do PP e PSOE e en contra de IU) e despois sometida a referendo. Explicaron PSOE e PP na campaña do referendo que nese mesmo concello tiveron que fuxir 500 persoas pola represión franquista, despois do golpe de Estado militar e fascista de 1936, bendicido pola xerarquía da igrexa católica e que foi cualificado como Santa Cruzada?

O entusiasmo do ministro de Interior Jorge Fernández por condecorar ás virxes vai en aumento e en febreiro de 2014 concedía a máis alta distinción, a Medalla de Ouro ao Mérito Policial, a Nosa Señora María Santísima do Amor de Málaga pola colaboración que a súa confraría ofrece á Policía durante a Semana Santa e porque comparte coa Policía “valores como la dedicación, el desvelo, la solidaridad y el sacrificio”. Europa Laica e Movemento hacia un Estado Laico demandaban a Interior pola concesión desta distinción e pedían a súa retirada porque a virxe non cumpre os requisitos para a concesión desta medalla: morrer en acto de servizo ou sufrir mutilación, dirixir ou participar nun servizo da Policía de transcendental importancia, haber desenvolvido unha actuación extraordinaria e exemplar etc. 

O Pleno do concello de Granada, gobernado polo PP, aprobaba o 30 de maio de 2014 a concesión da Medalla de Ouro da cidade á Virxe da Amargura. IU votou en contra e o PSOE abstívose porque “son muy respetuosos con las tradiciones”. Granada Laica consideraba “anticonstitucional e antidemocrática esta media hasta que no se demuestren los méritos objetivos e incluso la propia existencia física, más allá de representaciones minerales o artísticas de la galardonada”. O PP de Granada xustificou esta quinta distinción a unha virxe porque xa o goberno municipal tripartito (PSOE, IU, PA) concedía no ano 2000 a Medalla de Ouro a Santa María da Alhambra. Posteriormente, tamén recibiron a mesma distinción as Virxes da Misericordia, Aurora e das Angustias.

"Como isto siga así, podemos ver en breve uns carteliños nas oficinas do paro recomendando rezar o rosario para conseguir traballo".

Despois de conceder as medallas de ouro e outras distincións pásase ao tema de fondo e a ministra de Emprego e Seguridade Social Fátima Báñez sinalaba cal era o camiño para solucionar o problema, manifestando en Almonte (Huelva): “La Virgen del Rocío es una aliada privilegiada en el camino hacia la salida de la crisis”.

Rouco Varela, cardeal e arcebispo de Madrid, sumábase ao combate contra a crise e daba a solución, asegurando o 9 de novembro de 2013, con motivo da festividade da virxe da Almudena: “Salir verdadera y eficazmente de la crisis, pasa por la renovación de la devoción a la Virgen”. Como isto siga así, podemos ver en breve uns carteliños nas oficinas do paro recomendando rezar o rosario para conseguir traballo.

Ante esta invocación continuada a santos e virxes por parte do Goberno do PP, o deputado de Amaiur Jon Iñarritu facía con retranca as seguintes preguntas no Congreso: “Cal é o papel da Virxe do Rocío na saída da crise? Notou melloras o ministro do Interior tras condecorar á Virxe? Cales? Estima o Goberno que hai máis intercesións divinas e sobrenaturais na situación actual do Estado? De quen?”

No concello da Coruña asistimos desde hai máis de trinta anos a unha vergoñenta coincidencia (xuntos  participan na Función do Voto, misa o día da Virxe do Rosario, inauguración de igrexas etc) entre os concelleiros e concelleiras do PP e PSOE, que viola o artigo 16.3 da Constitución: “Ningunha confesión terá carácter estatal”. 

A devoción mariana do alcalde socialista Francisco Vázquez quedou ben patente cando o concello da Coruña aprobaba unha contribución municipal de 90.000 euros para facer un monumento á virxe do Carme. Podemos ter un grave conflito e problemas de tesourería se os devotos das virxes do Rosario, Fátima, Pilar ou María Auxiliadora, deciden organizarse e, por aquilo do agravio comparativo, reivindican tamén outro monumento ás virxes da súa devoción.

"A devoción mariana do alcalde socialista Francisco Vázquez quedou ben patente cando o concello da Coruña aprobaba unha contribución municipal de 90.000 euros para facer un monumento á virxe do Carme".

Na Función do Voto de 2010 o alcalde socialista da Coruña Javier Losada pedía á Virxe axuda para infraestruturas, que se executen os investimentos prometidos e un rápido restablecemento do Rei (acababa de ser operado). Na cerimonia do día da Virxe do Rosario dese mesmo ano PSOE e PP competían no seu fervor relixioso coa presenza na comitiva de nove e oito concelleiras/os, respectivamente. Segundo as crónicas, “la ceremonia religiosa fue especialmente emotiva en el discurso de la oferente, Yolanda Lista, en nombre de la Cofradía del Rosario, que no pudo reprimir las lágrimas al finalizar la lectura de sus discursos con un ´guapa, guapa, guapa´, que retumbó en todo el templo tras felicitar a la Virgen por la efeméride que se celebraba ayer”, segundo recollía unha reportaxe de Francisco Espiñeira en La Voz de Galicia de 8 de outubro de 2010.

O 14 de xaneiro de 2011 a Virxe do Rosario recibía (fixo de intermediario o prior dos Dominicos da Coruña) a Medalla de Ouro da Batalla da Coruña, pola protección da cidade en tempos difíciles, que entregaba a asociación Royal Green Jackets, en presenza do concelleiro socialista Carlos González Garcés.

Co inicio da campaña electoral para as eleccións municipais de 2011 aumentaba o enfrontamento partidista, mais os concelleiros e concelleiras do PSOE e PP coincidían na Función do Voto. A socialista Carmen Marón, que facía de portavoz por enfermidade do alcalde Losada, solicitaba á virxe en tempos de crise “consuelo y ayuda para quien sufre”. Xosé Manuel Carril, portavoz do BNG, criticaba esta presenza da corporación en actos relixiosos: “Os poderes públicos deben respectar as crenzas e as celebracións relixiosas, mais non deberían participar nelas, cun carácter institucional, para garantir o principio de igualdade. Deben ser neutrais porque representan tanto a cidadáns crentes como sen crenzas relixiosas e todas esas persoas deben ser tratadas exactamente igual”

"E na Función do Voto do 12 de maio de 2013 Negreira pedía á Virxe do Rosario axuda para gañar a batalla da crise económica e do paro". 

Cando o PP consegue o goberno municipal da Coruña, o alcalde Carlos Negreira seguía os mesmos pasos que os seus predecesores, é dicir, apostaba tamén polo estado confesional e encabezaba a comitiva municipal na Función do Voto o 13 de abril de 2012. Ayuda divina para “derrotar” al paro, titulaba a súa reportaxe Ángela Fernández en La Opinión e subtitulaba: Carlos Negreira, en su primera Función del Voto como alcalde, ruega a la Virgen del Rosario que ayude a crear empleo en la ciudad. E na Función do Voto do 12 de maio de 2013 Negreira pedía á Virxe do Rosario axuda para gañar a batalla da crise económica e do paro. Tamén solicitaba a intervención da virxe para solucionar o futuro dos traballadores da Fábrica de Armas.

O PSOE celebraba unha Conferencia política en novembro de 2013 para frear a perda de votos cun xiro á esquerda e anunciaba a presentación dunha Proposición non de Lei instando ao Goberno a denunciar os acordos co Vaticano e establecer un “protocolo civil” que regule a celebración de todo os actos oficiais, incluídos os funerais de Estado, que garante a laicidade dos mesmos. Tamén prometía a elaboración dunha Lei Orgánica sobre Liberdade Relixiosa. Parece ser que durante os 22 anos que estiveron gobernando non tiveron tempo de facer esas cousas, que agora prometen. Comparto totalmente a análise que facía Manuel Chaves, dirixente do PSOE, que resumía así a situación do seu partido: “El PSOE no es un partido creible en estos momentos. Tenemos que ganar credibilidad y ganar confianza”.

Cando acabaremos con este proceder tan alienante por parte da igrexa e dalgúns representantes públicos, que desarma ideoloxicamente aos explotados e oprimidos? A loita contra a crise, contra a pobreza e o paro, preservar o Estado de Benestar, pasa por poñer en marcha políticas económicas e sociais axeitadas ao servizo da inmensa maioría, e isto é responsabilidade dos gobernos, que eliximos nós, e non de deuses, santos e virxes.

Comentarios