Opinión

A "provocación" dos lazos amarelos

Estamos nos anos sesenta. En 1962 o “camarada Fraga” –así era tratado entre os fascistas e así aparecía no BOE– era nomeado ministro de Información e Turismo do goberno de Franco. En 1963 a ditadura crea o Tribunal de Orden Público (TOP), ferramenta fundamental para a represión das persoas demócratas; ese mesmo ano era fusilado Julián Grimau, dirixente comunista. En 1964 Fraga organiza os “25 anos de paz”. En 1965 son separados das súas cátedras os profesores Enrique Tierno Galván, Luis López Aranguren e Agustín García Calvo; Aureli María Escarré, abade de Montserrat, é obrigado a exiliarse por unha crítica á ditadura en Le Monde. En 1966 promúlgase a nova Lei de Prensa e Información, con centos de expedientes, sancións a xornalistas e peche de medios de comunicación; a Policía asalta o convento dos Capuchinos de Sarriá (Barcelona) cando se celebraba unha asemblea do Sindicato Democrático Universitario; o goberno pecha a Universidade de Barcelona; é secuestrado ABC por un artigo de Luis María Ansón, titulado “La monarquía de todos”. En 1967 o Tribunal Supremo declara ilegais as CCOO; o Goberno decreta o Estado de Excepción en Biscaia, hai numerosas detencións nas manifestacións do primeiro de maio e son detidos 20 cregos vascos. En 1968 o Goberno pecha a Universidade de Madrid por tempo indefinido, secuestra o xornal Madrid e declara o Estado de Excepción en Guipúscoa; o pleno municipal da Coruña do 24 de decembro concede a Manuel Fraga a distinción de “Hijo Adoptivo” polos seus servizo á ditadura. En 1969 o goberno declara o Estado de Excepción en toda España, con detencións masivas e moitos intelectuais son confinados; é detido o estudante madrileño de 21 anos Enrique Ruano, que morre catro días despois en dependencias policiais. Despois de todos eses anos de silencio cómplice, Juan Carlos Borbón é recompensado e o 22 de xullo de 1969 era designado polas Cortes franquistas como sucesor do ditador Franco na Xefatura do Estado, xurando fidelidade ao Caudillo Franco e ás leis da ditadura.

Esa era “a paz dos cemiterios” ou a “longa noite de pedra”, da que falaba Celso Emilio Ferreiro. No medio desta represión había persoas demócratas conscientes, cualificadas polo réxime fascista como “provocadores”, que non se dobregaban e resistían, con todo tipo de iniciativas, que estaban prohibidas: reunións, creación de todo tipo de asociacións, militancia en partidos, manifestacións, publicación de escritos de denuncia contra a ditadura con nomes e apelidos. Todo sumaba e lembro, por exemplo, a campaña de escribir nos billetes de diñeiro “1º de maio. Liberdade”. Outra das iniciativas foi atopar un emblema para reivindicar a liberdade e nada mellor que a coñecida pomba da paz de Pablo Picasso, que exhibiamos na solapa da chaqueta.

No medio desta represión había persoas demócratas conscientes, cualificadas polo réxime fascista como “provocadores”, que non se dobregaban e resistían

 

A Guardia de Franco, da que formaban parte, entre outros, militares, policías e gardas civís, actuaba como unha auténtica organización paramilitar. Entre as súas “tarefas” estaba colaborar na represión, que sufrín persoalmente cando vivía en Bilbao en 1968 e fun detido por uns civís (eran da Garda de Franco) en Erandio. Leváronme ao cuartel da Garda Civil e, despois de recibir unha malleira, pasei directamente ao cárcere de Basauri onde estiven 45 días. O “delito” do que se me acusou era levar na chaqueta unha insignia coa pomba da paz de Picasso que, para eles, era unha provocación.

Ademais, fun sancionado cunha multa de 20.000 pesetas (máis de tres veces o salario que eu cobraba como delineante no concello de Bilbao) polo Ministerio da Gobernación por “promover un altercado en la vía pública”. Presentei un recurso de alzada e esta foi a resposta: RESULTANDO: Que la Comandancia de la Guardia civil de Vizcaya denunció ante el gobierno Civil de aquella provincia, que cuando se celebraba un acto patriótico en la localidad de Erandio el día 1º de septiembre del año en curso, al no dar el hoy recurrente una explicación favorable sobre el significado de una insignia que llevaba, tres miembros de la Guardia de Franco, le pidieron que les acomapañase al Cuartel de la Guardia Civil, con el fin de aclarar si la insignia de referencia tenía carácter subversivo, cosa a la que se negó el interesado. O Ministerio da Gobernación estimaba en parte o meu recurso e a multa quedou reducida a 5.000 pesetas “a fin de que la sanción guarde una mayor correlación con la importancia de la perturbación producida que tuvo escasa trascendencia y con su situación económica”.

Por outra parte, o Xulgado Militar Eventual e Praza de Bilbao instruía un sumario “por el supuesto delito del Injurias o Insulto a Fuerza Armada”, que incluía o atestado instruído polo tenente da Garda Civil de Erandio:

Tres membros da Garda de Franco observaron a un individuo que llevaba una paloma blanca con un ramo de laurel en el pico, emblema del partido comunista. O inculpado niega absolutamente haber proferido insultos o injurias al cuerpo de la Guardia Civil, negándose a firmar su manifestación y le maltrataron y le faltó el reloj [un reloxo de marca Omega, regalado polo meu irmán que traballaba en Suíza]. El encausado declara que fue al pueblo de Erandio el día de autos que hacía dos semanas que no salía de casa por haber fallecido un hermano en accidente y fue a expansionarse un poco; que no firmó el atestado de la Guardia civil porque cuando le dijeron que si tenía algo más que decir, dijo que sí y no lo pusieron.

Examinada la presente causa nº 95-68 y RESULTANDO que el día 1 de septiembre de 1968 el paisano Manuel Monge González estaba presenciando los actos que se celebraban en la localidad de Erandio en honor del Caballero Laureado Don Juan Maderal, llevando prendida en la solapa una insignia con una paloma blanca que porta en el pico una rama de laurel. Visto esto por paisanos, que no se identificaron debidamente y parece que no eran miembros de ninguna Institución Armada ni Cuerpo de Orden Público, y por lo tanto obraban a título puramente particular y sin estar investidos de autoridad alguna, cercaron al aludido paisano, llevándole a la fuerza hasta el Cuartellillo de Guardia Civil en donde entregaron al detenido a un Guardia que estaba de puertas. CONSIDERANDO QUE LOS hechos relatados no son constitutivos de infracción delictiva alguna, toda vez que llevar a la solapa un símbolo de la paz que existe en multitud de edificios de la Sociedad Internacional de Naciones, no puede nunca considerarse un delito, EL CAPITÁN GENERAL ACCTAL. ACUERDA el sobreseimiento definitivo de la presente Causa”. Despois de mes e medio, saía en liberdade do cárcere de Basauri.

Na actuación política de PP e Ciudadanos no tema dos lazos amarelos quedou demostrado que Ciudadanos, no fundamental, é un plaxio 100% do PP. E para entender todo isto, deberiamos lembrar que AP, despois convertido en PP, foi promovido por sete ministros de Franco e que a clausura do congreso fundacional dese partido en marzo de 1977 acabou con todos os asistentes berrando “Franco, Franco, Franco!”.

Na actuación política de PP e Ciudadanos no tema dos lazos amarelos quedou demostrado que Ciudadanos, no fundamental, é un plaxio 100% do PP

 

Volvendo á Garda de Franco, Juan Carlos Borbón asistía o 10 de febreiro de 1970 á clausura do Consejo General desta organización e dicía no seu discurso: “Habéis jurado fidelidad a los Principios del Movimiento y a las Leyes Fundamentales; yo también. Habéis jurado lealtad a Franco e a lo que Franco significa; yo también”.

Hoxe, cincuenta anos despois, os lazos amarelos, que non teñen outro significado que reivindicar a liberdade dos presos políticos e o regreso dos exiliados, son para o PP, Ciudadanos e nostálxicos do franquismo, unha “provocación”, emblemas ideolóxicos que hai que perseguir, como cando en 1968 se reprimía a quen levabamos a pomba da paz.

Daquela, hai cincuenta anos, a Garda de Franco colaboraba nesa campaña para perseguir e deter aqueles que levaban a insignia da paz, símbolo de liberdade. Hoxe continúa a represión contra a liberdade de expresión e co apoio de PP e Cs organízanse comandos de encarapuchados, coa participación de membros da Policía e Garda Civil, para facer esa “limpeza de lazos amarelos”. Albert Rivera e Inés Arrimadas participaban o 29 de agosto de 2018 en Alella (Barcelona) nunha desas operacións. Nese concello con alcaldía de ERC, que tivo 2.070 votos e 7 concelleiros nas eleccións municipais de 2015, Ciudadanos non ten ningunha implantación social e nin se presentou ás eleccións; o PP tivo 320 votos e un concelleiro. Esta operación política contra a liberdade de expresión foi un fracaso e tivo un efecto boomerang en Alella e en toda Cataluña porque se multiplicou a colocación de lazos amarelos en edificios, espazos públicos e casas particulares.

Houbo tamén problemas internos. Así, Carolina Punset, eurodeputada de Cs, criticaba que o seu partido “lidere comandos para retirar lazos amarelos” e que “polaricen” a situación para “rascar algúns votos”. Anunciaba o 20 de outubro de 2018 a súa baixa en Cs e criticaba os “bandazos” políticos, a deriva “machista, ultraliberal e ultraespañolista e que Cs se converteu na marca branca do PP”. Sobre a situación en Cataluña declaraba: “En situacións excepcionais hai que buscar solucións excepcionais, lonxe de insultos, provocacións e menos aínda celebracións en redes sociais polo ingreso en prisión de políticos. O cárcere nunca pode ser boa noticia. Non se pode concibir que todo o que non sexa a aplicación do 155 do señor Ribera sexa sinalado co dedo”. Punset era partidaria de escoitar os adversarios políticos e por iso tivo unha entrevista con Puigdemont en Bélxica.

A Garda de Franco colaboraba nesa campaña para perseguir e deter aqueles que levaban a insignia da paz, símbolo de liberdade

 

Seguindo con esta campaña contra a liberdade de expresión, o Consello Xeneral do Poder Xudicial (CXPX) impedía o 18 de outubro de 2018 á directora xeneral de Modernización da Administración, Montse Muñoz, participar por videoconferencia nunha reunión con comunidades autónomas sobre cláusulas solo por negarse a retirar un lazo amarelo da solapa. Argumentaba o CXPX que era para garantir a “neutralidade” do encontro. A conselleira de Xustiza da Generalitat, Ester Capella denunciaba a “discriminación por motivos ideolóxicos” nun escrito a Carlos Lesmes, presidente do CXPX: “Non podemos tolerar actitudes que busquen humillar e menoscaba dereitos e liberdades da cidadanía”. Lembraba tamén a Lesmes que a obriga do poder xudicial é protexer “o exercicio de dereitos fundamentais, en lugar de impedilos”.

Mentres os propios órganos da xustiza, como o CXPX, actúan contra a liberdade de expresión reprimindo os lazos amarelos, o goberno permite que grupos fascistas actúen con total impunidade. O 29 de agosto de 2018 un cámara de Telemadrid era agredido nunha concentración de Ciudadanos (parece ser que o confundiron cun profesional de TV3). En xullo dese ano o fotoxornalista Jordi Borrás era agredido en Barcelona por un policía nacional de paisano ao berro de “Viva España” e “Viva Franco”, resultando ferido con fractura de nariz. Como publicaba Sermos Galiza, entre setembro e mediados de decembro de 2017 houbo un mínimo de 139 incidentes violentos que tiñan unha motivación política na defensa da unidade de España e rexeitamento do independentismo, con 86 agresións, que provocaron 101 vítimas con feridas de diferente consideración.

Como vítima da represión franquista e en solidariedade cos presos políticos e exiliados de Cataluña, creo que continuarei coa “provocación” que iniciei hai cincuenta anos e aínda levarei o lazo amarelo algúns meses máis.

 

 

Comentarios