Opinión

“Podemos-otra cosa” ou candidatura de unidade galega?

Despois de visitar Cádiz e Cataluña, Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos, visita Galiza na súa xira de preparación das eleccións xerais.

Despois de visitar Cádiz e Cataluña, Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos, visita Galiza na súa xira de preparación das eleccións xerais. O seu obxectivo é claro: quere sumar á marca Podemos o máximo de deputadas e deputados para aspirar a presidir un próximo goberno do Estado. Para iso necesita sumar todas as candidaturas posíbeis coa marca Podemos como referencia central e quere saber de primeira man quen queren sumarse en Galiza a esa estratexia.

"O seu obxectivo é claro: quere sumar á marca Podemos o máximo de deputadas e deputados para aspirar a presidir un próximo goberno do Estado"

Unha cousa é o que dicía onte Podemos, outra o que di hoxe e outra o que pode dicir mañá porque xa demostraron que teñen unha gran capacidade de adaptación. O responsábel de organización de Podemos, Sergio Pascual, manifestaba o pasado 8 de xuño: “Para que quede claro y con total rotundidad, los ciudadanos españoles podrán encontrar la papeleta de Podemos con su logo y su nombre en las elecciones generales de noviembre”. Engadía que esta posición é “unánime” na dirección de Podemos. Poucos días despois Pablo Iglesias dicía que están dispostos a acoller nas súas candidaturas a persoas que, a título individual participen do seu proxecto, como xa fixeron nas eleccións andaluzas onde Equo, que xa tiña elixidas as súas cabezas de lista polas oito provincias, desapareceu do mapa político, aceptando a incorporación persoal baixo o paraugas das candidaturas de Podemos. Iglesias concretaba a oferta e dicía que na papeleta debería aparecer o logo de Podemos e o nome desa candidatura, que bautizan por decreto como de unidade popular. Sería algo así como “Podemos-otra cosa”.

Nunha entrevista en Público Pablo Iglesias insistía nesa idea: “Partiendo de lo que para nosotros es innegociable y es que el logo y el nombre de Podemos esté en la papeleta en todos los colegios electorales de España, en Catalunya yo sí vería la posibilidad de que Podem tuviera después un guión y después de ese guión apareciera otra cosa. Lo mismo en Galicia con sectores que tengan que ver con las mareas y con AGE”.

"En Galiza organizan reunións, encontros diversos e fotos con alcaldes e gobernos municipais (isto é moi importante porque en Madrid venden que na consecución das alcaldías de Santiago, Ferrol ou Compostela a participación de Podemos foi decisiva)"

Encargaron a ideólogos e politólogos como Juan Carlos Monedero que concretasen a “otra cosa” e xa presentaron diversas ofertas: “Podemos-por el cambio”, “Podemos-somos mayoría”, “Ahora Podemos”, etc. Explicaba Monedero que facían esta xenerosa oferta para facilitar que outras forzas políticas poidan unirse a este proxecto de Podemos, pero tamén puñan uns límites: “Respetar la marca Podemos y el liderazgo de Pablo Iglesias”. E aí están, recorrendo España a ver quen pica. En Galiza organizan reunións, encontros diversos e fotos con alcaldes e gobernos municipais (isto é moi importante porque en Madrid venden que na consecución das alcaldías de Santiago, Ferrol ou Compostela a participación de Podemos foi decisiva). Non sei se será posíbel unha foto cos dirixentes de Esquerda Unida, Yolanda Díaz e o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, despois do manifestado por Iglesias, con gran prepotencia, na citada entrevista en Público: "Sois unos cenizos. No quiero que cenizos políticos, que en 25 años han sido incapaces de hacer nada, no quiero que dirigentes políticos de Izquierda Unida, y yo trabajé para ellos, que son incapaces de leer la situación política del país, se acerquen a nosotros".

Creo que durante a súa visita a Galiza, o secretario xeral de Podemos quedará informado de que Galiza é unha nación, é dicir, un suxeito político diferenciado, que aspira a ter Grupo Parlamentar propio nas Cortes Xerais, o mesmo que Cataluña e Euskadi. E que esta aspiración é hoxe compartida por un conxunto de forzas políticas, movementos sociais e unha boa parte da cidadanía, nun proceso de acumulación de forzas para derrotar o PP no Estado e nas próximas eleccións ao Parlamento Galego.

Por outra parte, apareceron xa diversas propostas ou manifestos para articular esa Marea Galega, Candidatura Galega de Unidade, etc. Así, o BNG manifestaba a súa vontade de renunciar ás siglas e participar nun amplo proceso social aberto ao conxunto de forzas políticas e sociais, así como a toda clase de colectivos e persoas que acrediten na necesidade de conformar un Grupo Parlamentar Galego de exclusiva obediencia galega. Entre as liñas programáticas, sinalaba o dereito de autodeterminación, soberanía dos pobos e dereito a decidir, pleno desenvolvemento da nosa identidade nacional, lingüística e cultural. Manifestáronse tamén a prol dunha candidatura de unidade (o nome é o de menos) diversas formacións políticas como Anova, Compromiso por Galicia, Cerna e Esquerda Unida. Non debemos esquecer que o dereito a decidir xa foi concretado no manifesto da Coruña (asinado, entre outras, por BNG, EU, Anova, PCG, CxG, Espazo Ecosocialista, Equo, Nós-UP), con motivo da abdicación do rei Juan Carlos: “Estamos a prol da ruptura democrática e queremos decidir sobre o noso futuro. Partindo da existencia dunha realidade plurinacional, estamos por procesos constituíntes nas nacións do Estado, para que a cidadanía poida decidir sobre o modelo político-institucional territorial e escoller a forma do Estado”.

"Non sei se será posíbel unha foto cos dirixentes de Esquerda Unida, Yolanda Díaz e o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, despois do manifestado por Iglesias, con gran prepotencia"

Ningunha organización política debe protagonizar este proceso porque non se trata só de unir partidos políticos, senón implicar a movementos sociais e ao conxunto da sociedade galega. Por outra banda, temos xa unha importante base para iniciar este proceso: as candidaturas que se formaron nas pasadas eleccións municipais, baixo a fórmula de unidade popular ou asembleas abertas. Aí están as alcaldías da Coruña, Santiago, Pontevedra e Ferrol, as case 40 alcaldías conseguidas por diversas candidaturas; as 51 concelleiras/os conseguidos en 31 concellos baixo a marca SON, impulsadas por EU e Anova; as 32 concelleiras/os conseguidos en 16 concellos por Compromiso por Galicia; as 30 alcaldías e 469 concelleiras/os en 185 corporacións locais, conseguidas polo BNG-Asembleas Abertas; as que saíron elixidas baixo o impulso de Somos Maioría e outras moitísimas iniciativas. Todo isto é un bo punto de partida para iniciar en toda Galiza, desde a base, esta confluencia que culmine, por primeira vez na historia, na conquista dun Grupo Parlamenta Galego nas Cortes Xerais.

Volvendo ao principio, creo que as compañeiras e compañeiros de Podemos de Galiza coñecen esta realidade e que transmitirán todo isto a Pablo Iglesias na súa visita. Son optimista, creo que Podemos abandonará en Galiza a idea de presentar unha candidatura coa marca Podemos e “otra cosa” e que, finalmente, participará neste proceso para conformar unha candidatura de unidade galega que, se é independente doutros grupos, debería ter personalidade xurídica propia.
 

Comentarios