Opinión

A ONU es os dereitos humanos

A visita a Galicia en xaneiro de 2014 de Pablo de Greiff, Relator Especial das Nacións Unidas sobre a promoción da verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición, permite facer un balance do cumprimento por parte do Goberno español da lexislación internacional sobre dereitos humanos, das resolucións da ONU e da Lei de Memoria Histórica de decembro de 2007.


  Homenaxe Nacional ás Vítimas do Franquismo o 20 de xullo na illa de San Simón
                                                        

A visita a Galicia en xaneiro de 2014 de Pablo de Greiff, Relator Especial das Nacións Unidas sobre a promoción da verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición, permite facer un balance do cumprimento por parte do Goberno español da lexislación internacional sobre dereitos humanos, das resolucións da ONU e da Lei de Memoria Histórica de decembro de 2007.

"A Homenaxe Nacional ás Vítimas do Franquismo vai servir para difundir as conclusións provisionais do informe que presentará definitivamente o relator da ONU nos próximo meses".

Por outra banda, a Homenaxe Nacional ás Vítimas do Franquismo que terá lugar o próximo domingo, 20 de xullo, na illa de San Simón, vai servir para difundir as conclusións provisionais do informe que presentará definitivamente o relator da ONU nos próximo meses.

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas de 11 de decembro de 1946 aprobaba os principios do Estatuto de Nüremberg, recoñecidos por España en 1952: “Os crimes contra a paz, os crimes de guerra e os crimes contra a humanidade son puníbeis baixo o Dereito Internacional”. O Estatuto da Corte Penal Internacional de 17 de xullo de 1998 tipificaba como crimes contra a humanidade, entre outros: asasinato, deportación ou traslado forzoso da poboación, torturas, persecución por motivos políticos.

Por outra parte, a Resolución 1.463 da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa de 3 de outubro de 2005 recollía o “recoñecemento da desaparición forzada  como un crime permanente”, é dicir, que non prescribe. É unha auténtica vergoña para un Estado democrático que, despois de 36 anos de democracia, aínda queden no Estado español miles de fosas cos restos sen identificar de máis de 150.000 persoas.

"Seguindo o principio de xustiza universal, o Goberno español debería proceder á extradición das persoas reclamadas pola xustiza arxentina"

Seguindo o principio de xustiza universal, o Goberno español debería proceder á extradición das persoas reclamadas pola xustiza arxentina, a través da chamada “Querela Arxentina contra os crimes do franquismo”, que dirixe a xuíza María Servini. Esa xustiza universal permite que as fronteiras non sexan un obstáculo para facer xustiza e que o Tribunal Internacional de Xustiza xulgue e condene os crimes cometidos por militares serbios; permitiu tamén que o xuíz da Audiencia Nacional, Baltasar Garzón, levase a Pinochet desde Londres a Chile para someterse a un xuízo polos seus crimes; e permitiu que Adolfo Scilingo fose condenado pola xustiza española en 2007 a 1.084 anos de cárcere como autor de crimes de lesa humanidade cometidos en Arxentina en 1976.

A Resolución 60/147 de 16 de decembro de 2005 da Asemblea Xeral da ONU recolle o dereito á verdade, debido proceso, reparación e garantías de non repetición, das vítimas de violacións manifestas das normas internacionais de dereitos humanos. Sinala tamén as obrigas dos estados: investigar e, se hai probas suficientes, xulgar ás persoas presuntamente responsábeis das violacións e, se son declaradas culpábeis, a obriga de castigalos.

Recibimos nos últimos anos varias visitas de delegacións da ONU e, lamentablemente, avanzouse moi pouco no cumprimento do Dereito Internacional e na reparación das vítimas do franquismo . Despois de examinar o quinto informe periódico de España, o Comité de Dereitos Humanos de Nacións Unidas de 27 de outubro de 2008, dicía que o Estado español debe: “Considerar a derrogación da Lei de Amnistía de 1977. Tomar as medidas lexislativas necesarias par garantir o recoñecemento da imprescritibilidade de crimes de lesa humanidade polos tribunais nacionais. Prever a creación dunha comisión de expertos independentes encargada de restablecer a verdade histórica sobre as violacións dos dereitos humanos cometidos durante a Guerra Civil e a Ditadura”. É moito pedir a constitución dunha Comisión da Verdade, como existe en Sudáfrica, creada a iniciativa de Mandela, e noutros 40 países?

   

Comentarios