Opinión

Golpistas en 1936 son Fillos Adoptivos e Predilectos da provincia da Coruña

Que catro militares –Enrique Cánovas Lacruz, Florentino González Vallés, Luis Tovar Figueras e Pablo Martín Alonso– principais responsábeis na Coruña do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, fosen honrados pola Deputación da Coruña en 5 de xaneiro de 1937 como Fillos Adoptivos e Predilectos da provincia é unha vergoña, pero tamén é unha vergoña que despois de 12 anos da aprobación da chamada Lei da Memoria Histórica continúen con esas distincións. Lembremos que nese tempo houbo gobernos provinciais do PSOE-BNG durante oito anos e goberno do PP durante catro anos.

A Deputación da Coruña tomou xa importantes acordos, en cumprimento da citada Lei, que poden sentar as bases para acabar con toda a simboloxía franquista. Así, o Pleno de 29 de xullo de 2016 reiteraba, por unanimidade, “a importancia de proseguir coas accións dirixidas a recuperar e dignificar a memoria das vítimas da represión exercida despois do golpe militar de 1936, eliminar os símbolos, as denominacións e as referencias franquistas de rúas e edificios públicos”. E o Pleno de 26 de outubro de 2018 aprobaba, sen ningún voto en contra, as seguintes medidas: “Instar os concellos da provincia ao cumprimento da Lei de Memoria Histórica, eliminando os restos de simboloxía franquista (escudos, insignias, placas, nomenclátor das rúas, inscricións etc), distincións, nomeamentos, títulos honoríficos e honores a golpistas, franquistas e demais formas de exaltación e enaltecemento individual ou colectivo da sublevación militar de 1936 e do franquismo, dos seus dirixentes ou das organizacións que sustentaron o réxime ditatorial”.

Hai que valorar positivamente que os grupos da Deputación (Alternativa dos Veciños, BNG-Asembleas Abertas, Compostela Aberta, Marea Atlántica, PSdG-PSOE e Partido Popular), aprobasen o 29 de marzo de 2019 por unanimidade esta “Declaración institucional sobre a retirada de honras e distincións a persoas vencelladas ao levantamento militar de 1936 e ao franquismo”

Dando continuidade á Declaración Institucional do pleno da Deputación da Coruña do 29 de xullo de 2016 sobre a retirada dos títulos honoríficos e distincións concedidas por esta institución a Francisco Franco Baamonde e dando igualmente cumprimento á lei da memoria histórica 52/2007, de 26 de decembro, a Deputación da Coruña declara a vontade de revocar todas as honras e distincións concedidas pola Deputación provincial da Coruña a persoas vencelladas con feitos e prácticas represivas realizadas durante o golpe de Estado de xullo de 1936 e a ditadura franquista, así como á retirada de simboloxía propia dese réxime antidemocrático nos edificios pertencentes á institución provincial.

Ante esta situación, todos os grupos políticos que compoñen a Corporación da Deputación Provincial da Coruña acordan: 1. Proceder ao longo de 2019 a aprobar un novo Regulamento de Honras e Distincións. 2. Elaborar un catálogo de honras, distincións e simboloxía franquista. 3. Incoar o correspondente expediente, seguindo os procedementos oportunos para invalidar todas as distincións, nomeamentos, títulos honoríficos e demais formas de exaltación de persoas vencellas ao levantamento militar do 36 e á represión da ditadura, así como para eliminar a simboloxía franquista nos edificios pertencentes á institución provincial.

En coherencia con eses acordos, entendo que a Deputación vai dar exemplo, comezando pola propia casa e retirando os retratos do Palacio Provincial de presidentes durante a ditadura; honras e distincións concedidas durante a ditadura a presidentes, vicepresidentes da Deputación, militares golpistas, ministros, gobernadores, dirixentes do franquismo; cambiando o nome dos dous centros de ensino dependentes da Deputación, que levan o nome de dous Presidentes na ditadura etc. A permanencia deses retratos e distincións honoríficas son unha exaltación daqueles que participaron no golpe de Estado contra o goberno lexítimo e democrático da República, formaron parte dos gobernos da ditadura ou ocuparon postos de responsabilidade en concellos e Deputación. Manter esa simboloxía franquista é unha ofensa e humillación para as vítimas do franquismo.

No traballo pola recuperación da Memoria Democrática a Deputación da Coruña tomou xa iniciativas como a publicación do libro Xeración Perdida Coruña 36, sobre a represión de cargos institucionais en todos os concellos. Homenaxe ás vítimas, Constitución da Xunta por Devolución do Pazo de Meirás e acto no Teatro Colón o 4 de decembro de 2018 etc.

Por outra parte, a Deputación da Coruña, e o resto das deputacións, deberían aprobar medidas para efectivizar esa declaración institucional e que non quede todo nun “instar”. Cómpre a realización por un equipo de expertos dun censo da simboloxía franquista na provincia, concello a concello (rúas, placas, retratos, “cruces dos caídos”, distincións honoríficas a golpistas e cargos públicos da ditadura), como xa fixeron, entre outras, as deputacións de Valencia e Badaxoz, o Goberno Foral de Navarra ou as Xuntas Xerais de Biscaia. Realizado ese catálogo, os concellos recibirán unha notificación sobre a existencia desa simboloxía franquista no seu municipio, indicando que se queren seguir recibindo subvencións deberían retirala no prazo de seis meses. Outras institucións xa tomaron este tipo de iniciativas. Así, a instancia da Deputación, que preside o PSOE, o Comité de Expertos da Memoria Histórica de Badajoz catalogou en decembro de 2017 un total de 253 símbolos franquistas nos concellos da provincia, que deberían retirarse no prazo de tres meses.

E para poñer en marcha todo este proceso, deberían incluírse as partidas correspondentes nos Orzamentos da Deputación para 2020. Os tempos son chegados!

Así era recollida a concesión destas distincións na acta da sesión da Comisión Xestora da Deputación de 5 de xaneiro de 1937, baixo a presidencia do vicepresidente Galileo Toribio:

Se leyó, y por unanimidad fue aprobada la siguiente moción del Diputado Gestor Sr. García Tizón:

Todos cuantos hemos presenciado como surgió y se ha desarrollado en La Coruña el movimiento salvador de la Patria, sabemos cuan grande es la deuda de gratitud y de admiración contraida por quienes amamos a España por encima de todas las cosas y tenemos nuestra vida material y espiritualmente arraigada en La Coruña, con los ínclitos mantenedores del orden, de la Ley, de la seguridad general, de la civilización, en suma, que, en nombre de las sagradas ideas de Diso y de Patria, supieron organizar y dejar victoriosa la resistencia contra la barbarie que amenazó a esta bella ciudad en los inolvidables días que siguieron al diociocho de julio. No es fácil de cancelar esa deuda, ni es de aquellas que merezca ser cancelada.ya que, los que somos capaces de sentirla, sabemos que es un honor del corazón tenerla por eterna en nosotros y en la generaciones que a través de nosotros hereden la memoria glorificadora que de ella debe guardarse; pero ello no obsta, antes al contrario, para que se adopten decisiones que sirvan para señalar ante la posteridad todo el elevado aprecio que el espíritu de un pueblo sabe hacer del heroismo de unos caballeros cristianos y patriotas. Por ello, el diputado que suscribe  se permite proponer a la Comisión Gestora de la Excma. Diputación que acepte y apruebe la proposición que se formula en los términos siguientes: Que se declare por esta Excma. Corporación que los Excmos. Sres. D. Enrique Cánovas, Gobernador militar, D. Luis Tovar, Jefe del Estado Mayor, D. Pablo Martín Alonso, Coronel del Regimiento de Zamora número ocho y D. Florentino González Vallés, ex-Gobernador civil de La Coruña, son merecedores de pública admiración y gratitud por su actuación al frente  del movimiento patriótico en La Coruña y que, en prueba de ello, la Diputación, haciéndose intérprete  de un sentir general, nombre a dichos señores hijos adoptivos y predilectos de la provincia de La Coruña”

Enrique Cánovas Lacruz. Fillo Adoptivo (5-1-1937).

O xeneral Enrique Cánovas Lacruz (1877-1965) sublevouse na A Coruña contra o goberno da República o mesmo día 20 de xullo de 1936. Foi a máxima autoridade militar sublevada na cidade durante os primeiros meses; vogal e presidente de varios consellos de guerra con resultado de fusilamentos e encarceramentos, entre eles o que levou á morte a Pepe Miñones, ás autoridades municipais viguesas co seu alcalde á fronte e aos coñecidos irmáns Bilbatúa, tamén de Vigo. Así mesmo, presidiu o tribunal que condenou á morte a alcalde de Lavadores e a gobernador civil de Ourense, entre outros moitos. Foi tamén vogal e presidente do Tribunal Especial para a Represión da Masonería e o Comunismo durante moitos anos, condenando varios coruñeses a prisión e a desterro. Como “premio” ocupou cargos como inspector xeral de Fortificacións, Capitanía Xeral de Valencia, Dirección Xeral da Garda Civil e Comandancia Xeral de Baleares. Participou polo tanto na sublevación, na guerra civil, e na represión física e económica de forma decidida e notábel (Informe da Comisión de Expertos da Coruña para eliminar a praza que levaba o nome deste militar golpista).

O concello da Coruña concedeulle a distinción de Fillo Adoptivo o 13 de xullo de 1943, que foi revogada no Pleno de 1-3-2010.

Florentino González Vallés. Fillo Adoptivo (5-1-1937).

Ingresa en 1903 na Academia de Infantería. Tenente da Garda Civil en Vilalba (1911). Foi  cesado no seu destino en abril de 1936  por asistir sen autorización ao enterro do alférez da Garda Civil Anastasio de los Reyes.

Falanxista e golpista, forma parte, como tenente coronel da Garda Civil, do grupo organizador da sublevación na Coruña o 18 de xullo de 1936. Releva como gobernador civil (de 20 de xullo de 1936 a outubro de 1936) ao gobernador civil da República, Francisco Pérez Carballo, asasinado polos sublevados, e é nomeado Delegado de Orde Pública da provincia.

Despois do trunfo dos golpistas, a brutal represión era recollida así en El Correo Gallego de 30 de xullo de 1936: “Activa y enérgica actuación del Delegado de Orden Público en la provincia, teniente coronel de la Benemérita señor González Vallés”. Esa represión chegaba a todos os sectores sociais e o crego Andrés Ares Díaz era paseado o 3 de outubro de 1936 por negarse a entregar a milicianos falanxista os cartos recadados para as festa do Val de Xestoso (Monfero).

Entre o 15 de agosto de 1936 e o 29 de outubro dese ano foron asasinados 239 persoas en execucións extraxudiciais na zona de Ferrol no mandato sanguíneo do tándem formado por González Vallés e Victoriano Suanzes (capitán da Garda Civil e fillo dun almirante ferrolán) como Delegado de Orde Pública de Ferrol, segundo recollen os historiadores Eliseo Fernández e Xosé Manuel Suárez no libro “Os nomes do terror”.

Despois do seu cese –parece ser que pola implicación dun fillo en actividades de extorsión económica– González Vallés era nomeado Delegado de Orde Pública de San Sebastián, Xefe da Comandancia da Garda Civil de León, Lugo (abril de 1937), A Coruña (febreiro de 1938), Santander e Pontevedra, até o seu falecemento o 28 de novembro de 1938.

Luis Tovar Figueras. Fillo Adoptivo (5-1-1937).

Tenente coronel. O 18 de xullo era Xefe de Estado Maior Provisional de Capitanía. Na mañá do 20 de xullo é destituído polo xeneral Enrique Salcedo Molinuevo, Xeneral Xefe da VIII División Orgánica, porque coñecía a súa implicación no golpe de Estado, pero os sublevados detiveron a Salcedo e tamén ao xeneral Rogelio Caridad Pita, Gobernador Militar, que foron trasladados ao Castelo de San Felipe de Ferrol no buque correo Plus Ultra, xulgados en consello de guerra o 24 de outubro, acusados de “traición”, condenados a morte e fusilados o 9 de novembro de 1936. Luis Tovar foi que ordenou o bombardeo desde O Parrote do goberno civil da Coruña, situado no que hoxe é o Teatro Rosalía.

Pablo Martín Alonso. Fillo Adoptivo (5-1-1937). Ver Ferrol.

Nado en Ferrol o 10-6-1894. Militar golpista e ministro na ditadura. Despois da proclamación da II República o 14 de abril de 1931, participa en 1932 na sublevación do xeneral Sanjurjo en Sevilla, coñecida como a “Sanjurjada”. Despois do fracaso foi detido e amnistiado en febreiro de 1936. Como coronel recibe o mando do Rexemento de Infantería Zamora nº 8 con guarnición na Coruña e como persoa de máxima confianza dos conspiradores, participa o 18 de xullo de 1936 na sublevación contra o goberno da República. Organiza as columnas que se trasladan desde Galicia até Oviedo, participando na fronte de Asturias, Teruel e Levante. A finais de 1939 dirixiu a represión contra a guerrilla en Asturias.

Foi Xefe da Casa Militar de Franco e Director Xeral da Garda Civil. Cando acada o grao de Tenente Xeral é nomeado Capitán Xeral de Cataluña (1957-1962), e Ministro do Exército desde o 10 de xullo de 1962 até o seu falecemento en Madrid o 11 de febreiro de 1964.

É tamén Fillo Predilecto de Ferrol.

Comentarios